O presidente da Xunta participa na II Festa da Vendima da vila de Monterrei

Rueda felicita ás máis de 400 adegas galegas por acadar a vendima “máis abondosa” da última década

Apunta que a exquisita calidade dos viños supón tamén un reclamo turístico cada vez máis afamado e contribúe a engrandecer a marca Galicia Calidade

Monterrei (Ourense), 14 de outubro de 2023

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, quixo felicitar hoxe o traballo levado a cabo polas máis de 400 adegas existentes en Galicia durante a actual vendima, unha das máis abondosas da última década ao chegar aos preto de 77,4 millóns de quilos de uva recollidos.

Así se referiu o titular do Goberno galego na segunda edición da Festa da Vendima da vila de Monterrei, na que estivo acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, e na cal quixo destacar a iniciativa da organización por recuperar esta celebración tradicional sinónimo de remate dos traballos do campo.

Neste sentido, Rueda felicitou tamén á Denominación de Orixe da zona por lograr un ano máis o seu récord absoluto, ao recoller preto de 7 millóns de quilos de uva. Así, apuntou a exquisita calidade dos viños que fan, que supoñen tamén un reclamo turístico cada vez máis afamado. O presidente galego incidiu “nas boas perspectivas” que se teñen para este ano a nivel de produción e calidade.

Por iso, celebrou que a “espectacular” colleita de 2023, tanto por cantidade como por calidade, siga contribuíndo a engrandecer a marca Galicia Calidade tan característica dos caldos galegos.

Ademais, o titular do Goberno salientou a importancia desta tradición para o enoturismo e a cultura. Destacou a importancia da tradición de “facer bo viño” nos concellos de interior e recalcou a excelencia dos viños galegos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2023