O delegado territorial felicita ao alumnado do obradoiro de emprego dual da Xunta en Lalín pola rehabilitación dos Muíños do Rego de Pontiñas

Os obradoiros de emprego duais combinan a formación teórica coas prácticas remuneradas

O delegado territorial lembrou que para este curso poranse en marcha máis de dez novos obradoiros na área territorial de Pontevedra, grazas a unha inversión da Xunta de preto de sete millóns de euros
 

Lalín (Pontevedra), 13 de outubro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura do obradoiro de emprego dual financiado pola Xunta con máis de medio millón de euros no Concello de Lalín.

Neste obradoiro, que tivo unha duración aproximada dun ano, participaron un total de 20 alumnos e alumnas que se dividiron entre as especialidades de Auxiliar de albanelería de fábricas e cubertas e Repoboación forestal e tratamentos silvícolas.

Os participantes puideron aprender da man de grandes profesionais todo o necesario para poder desenvolverse profesionalmente nestas áreas. Ademais, os estudantes participaron durante un ano nas clases teóricas e nas formacións prácticas remuneradas, que os levaron a desenvolver todo tipo de proxectos que beneficiaron directamente ao seu concello.

Entre estas iniciativas destacan a rehabilitación e restauración dos Muíños do Rego de Pontiñas, un espazo que conta agora cun aspecto totalmente renovado e que o delegado puido visitar antes do inicio da entrega de diplomas.

Durante a súa intervención no acto de clausura, Reguera felicitou ao alumnado polo “gran traballo logrado cos muíños” e asegurou que “agora locen moito mellor que hai uns meses, cando tiven a oportunidade de pasar por aquí e aínda estabades traballando na súa rehabilitación”.  

O delegado territorial aproveitou para lembrar que este ano vanse levar a cabo máis dunha decena de novos obradoiros nos concellos da Área Territorial de Pontevedra, por unha inversión de preto de sete millóns de euros. Entre eles volve estar o Concello de Lalín, que nesta ocasión contará cos cursos de Atención sociosanitaria en domicilio e institucións e Xardinería.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2023