A Xunta ultima os traballos de desmontaxe do taboleiro da ponte de Ponte Arnelas

Unha vez retiradas todas as pezas nas que se foi cortando a estrutura, elimináronse as vigas que quedaban no taboleiro e fóronse retirando puntais

Nas vindeiras semanas continuará a desmontaxe das vigas laterais e dos arcos, a execución das cimentacións e a fabricación en taller da estrutura metálica da nova ponte

As actuacións céntranse nun dos 5 vans da ponte, no treito que vai sobre o río, e mudarán a fisionomía da ponte, gañando en estética e integración

Estas intervencións forman parte da solución definitiva para a reconstrución da ponte, trasladada aos concellos de Vilanova de Arousa e de Ribadumia e cun investimento autonómico de máis de 5,3M€

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2023.- A Xunta está a ultimar os traballos de desmontaxe do taboleiro da ponte de Ponte Arnelas.

 

Unha vez retiradas nestas últimas semanas todas as pezas nas que se foi cortando a estrutura, retiráronse as vigas que quedaban no taboleiro. En paralelo, suprimíronse os puntais que sostiñan a estrutura e preparouse o terreo para as cimentacións da nova ponte.

 

Nas vindeiras semanas continuarán os traballos de desmontaxe das vigas laterais, as metálicas, do taboleiro, e dos arcos; e a execución das cimentacións da nova estrutura. Ademais, comezará en taller a fabricación da estrutura metálica da nova ponte.

 

As actuacións foron avanzando a bo ritmo, dende o principio, acadando o apuntalamento da ponte, o arriostramento transversal e a desmontaxe dos pretís de formigón, así como a colocación de tubaxes provisionais de abastecemento.

 

En canto á desmontaxe do taboleiro, foron necesarios cortes perpendiculares para proceder á retirada por pezas.

 

Estas intervencións forman parte da solución definitiva para a reconstrución da ponte, xa trasladada aos concellos de Vilanova de Arousa e de Ribadumia e cun investimento autonómico de máis de 5,3 millóns de euros.

 

Cómpre lembrar que, tras detectarse en abril danos en varias péndoas que provocaron que a calzada cedese parcialmente, a Xunta comezou a traballar de inmediato para acometer esta intervención sobre o treito do río, que suporá mudar a tipoloxía e a fisionomía da ponte, que perderá o seu arco e os seus tirantes, pero gañará notablemente en estética e integración.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2023