A Xunta compartirá o modelo galego de xestión do Camiño de Santiago con países de Europa do leste

Galicia preside este ano a Federación Europea do Camiño de Santiago, que esta semana vén de incorporar novas administracións públicas de Polonia e Croacia

Esta entidade agrupa autoridades rexionais da ruta xacobea e traballa co Consejo de Europa para fomentar unha implicación institucional e planificación europea
 

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia estenderá e compartirá o modelo galego de xestión ao redor do Camiño de Santiago a administracións públicas e entidades de centro Europa e países de Europa do leste como Croacia ou Polonia. Así se decidiu esta semana na cidade polaca de Torun, onde se celebrou unha asamblea da Federación Europea do Camiño de Santiago, a entidade que agrupa autoridades rexionais do Camiño de Santiago e que desde xaneiro de 2023 está presidida por Galicia.

O xerente do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, participou no encontro no que se abordou a reforma dos estatutos da federación para facilitar a incorporación de máis administracións públicas federadas a esta entidade. Como resultado, intégranse agora a Axencia Francesa para os Camiños de Santiago, a asociación española de Municipios del Camino Francés, a rexión croata de Sud Istria, así como as cidades de Dubrovnik e Sibenik, do mesmo país. Tamén se integraron a cidade italiana de Asís, así como as rexións polacas de Pomorskie  e Zachodniopomorskie Voivodeship.

Con estas novas incorporacións, Galicia poderá estender o seu modelo de xestión na ruta xacobea e fomentar unha implicación institucional e planificación de acción a nivel europeo que axude á promoción e desenvolvemento conxunta do Camiño de Santiago en Europa.

Coherencia de accións

Ademais, a Xunta de Galicia, desde a presidencia desta federación europea, está coordinando co departamento de itinerarios culturais do Consejo de Europa xerar unha federación cada vez máis activa, máis representativa e con maior capacidade operativa, que sirva de referencia na acción pública a favor dos Camiños de Santiago en Europa.

A Federación foi creada en 2011 para ser a única referencia para o Instituto de Itinerarios Culturais Europeos e garantir a aplicación dos requisitos para ser un Itinerario Cultural Europeo fixados polo Consejo de Europa. Desde entón, a Federación traballa para difundir as experiencias de cada comunidade en Santiago e dar coherencia ás accións dos diferentes actores en cada país participante, desenvolvendo proxectos conxuntos de alto impacto orientados a atraer e ampliar a rede europea. Santiago de Compostela será a sede da seguinte asamblea da Federación en xuño de 2024.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2023