O titular de Mar visita Sada para coñecer a actividade e os novos proxectos de Proinsa

Alfonso Villares destaca a importancia dos avances na captación de mexilla a través de cordas colectoras para contribuír a fornecer de semente ao sector

O conselleiro puxo en valor os esforzos da Xunta de Galicia xunto co sector para conseguir reducir a dependencia da mexilla de rocha

Visita ás bateas experimentais situadas na ría de Ares-Betanzos para coñecer os últimos avances na produción de semente de mexillón a través de ‘long-lines’

Sada (A Coruña), 13 de outubro de 2023 O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, enxalzou hoxe no porto de Sada os avances do sector bateeiro na captación de mexilla a través de fórmulas alternativas como as cordas colectoras permitindo ao sector complementar a procedente do medio natural. O titular de Mar puido coñecer de primeira man os progresos alcanzados na súa visita ás bateas experimentais propiedade da empresa Proinsa na ría coruñesa de Ares-Betanzos.

O conselleiro puxo en valor o destacado papel do Grupo Proinsa no desenvolvemento económico da localidade coruñesa de Sada e a súa área de influencia nunha visita na que estivo acompañado por Susana Rodríguez, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez. A compañía conta con máis de medio século de traxectoria no sector xestionando na actualidade 100 unidades de cultivo, abarcando a súa actividade a produción, transformación e comercialización do mexillón grazas a cal se chega a xerar máis dun centenar de postos de traballo, nun 60 % ocupados por mulleres.

Alfonso Villares destacou que o coñecemento da captación da semente de mexillón é un proceso fundamental para mellorar a viabilidade e sustentabilidade do sector. Nesa liña, o conselleiro valorou moi positivamente os traballos realizados nos últimos 20 anos por parte da compañía, que permitiu coñecer mellor os múltiples factores que teñen incidencia na captación da mexilla a través de ‘long-lines’ como o tempo medio que deben permanecer as cordas na auga para resultar produtivas ou a identificación dos seus depredadores. Uns estudos que pretenden ser a base do desenvolvemento dun programa matemático que recolla os efectos dos diferentes elementos que teñen unha influencia relevante na produción de semente de mexillón por este sistema.

O responsable de Mar sinalou que nese mesmo sentido, e de xeito paralelo, se está traballando dende o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) xunto ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e a Universidade de Vigo con diferentes liñas de investigación para coñecer en tempo real a presenza de larvas nas rías co obxectivo de optimizar a captación e determinar a abundancia de mexilla no litoral da comunidade. Froito do traballo desenvolvido polo CIMA tamén foi posible constatar a viabilidade de producir semente de mexillón en criadeiro coa entrega de 11 millóns de unidades de cría ao sector no último ano.

Proxecto ClimeFish

O conselleiro do Mar valorou moi positivamente a aposta de Proinsa pola investigación participando no proxecto europeo ClimeFish no que tamén participan o Centro Tecnolóxico do Mar- Fundación Cetmar e o Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC polo que asistirán a finais de mes á localidade irlandesa de Galway para presentar estes avances e os resultados da súas investigacións. ClimeFish é un proxecto que ten como obxectivo principal contribuír a que o crecemento de produción do sector pesqueiro se produza en áreas e especies con potencial crecemento sustentable, tendo en conta as expectativas de evolución do clima, contribuíndo ao desenvolvemento das comunidades costeiras e rurais.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 13/10/2023