A Xunta somete a consulta pública previa o decreto que regulará os instrumentos e outras medidas para promover a protección das especies silvestres

A futura norma desenvolverá os contidos da Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia e do actual Catálogo galego de especies ameazadas

Tamén abordará outras cuestións da Lei do patrimonio natural e da biodiversidade relativas ás actuacións de conservación ex situ e os centros de recuperación de fauna

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia somete a consulta pública previa, a partir de hoxe e durante o prazo dun mes, a elaboración do decreto chamado a regular os contidos dos instrumentos legalmente previstos para promover a protección das especies silvestres da Comunidade, así como outras medidas e actuacións destinadas a evitar a perda da súa diversidade biolóxica.

O obxectivo principal da futura normativa será establecer os contidos da Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia e do actual Catálogo galego de especies ameazadas.

No primeiro caso, cómpre lembrar que se trata dunha ferramenta creada en virtude da Lei do patrimonio natural e da biodiversidade para incluír a todas aquelas especies, subespecies e poboacións presentes na Comunidade merecedoras dunha atención e protección particular atendendo ao seu valor científico, ecolóxico e cultural, así como a súa singularidade, rareza ou grao de ameaza. Deste xeito, a inclusión nesta Listaxe determinará o seu sometemento a un réxime de protección especial.

Así mesmo e aínda que xa existe o Catálogo galego de especies ameazadas, aproveitarase este desenvolvemento normativo para adaptar o seu contido á Lei de patrimonio natural galega, que o inclúe dentro da Listaxe de especies silvestres e reduce as actuais 4 categorías de especies a unicamente 2: en perigo de extinción e vulnerable.

Ademais, o futuro decreto tamén abordará outras cuestións relevantes, desenvolvendo outros preceptos recollidos na normativa marco vixente e relacionados coa conservación ex situ das especies silvestres, como complemento necesario ás actuacións que teñen lugar no propio medio natural (in situ), e os centros de recuperación de fauna.

Cómpre subliñar que a Xunta conta con catro instalacións deste tipo (localizadas en Oleiros, O Veral, O Rodicio e Carballedo) destinadas ao coidado e á recuperación dos exemplares de fauna silvestre autóctona que non están en condicións de subsistir por si mesmos no medio natural.

Neste sentido e para cumprir co seu fin, os centros de recuperación de fauna realizan funcións como a participación en programas de conservación de especies como a píllara das dunas; a recompilación e tratamento de datos dos animais recollidos; a toma de mostras para os programas de vixilancia de fauna silvestre de Galicia; e a recompilación de datos e necropsias de exemplares con sospeita de morte derivada dunha infracción ou delito medioambiental.

Todas estas medidas buscan promover e materializar a protección das especies silvestres co obxectivo de evitar a perda da diversidade ecolóxica de Galicia en todas as súas formas (xenética, de número de individuos ou de especies), ao tempo que se avanza na concienciación da cidadanía sobre a transcendencia do medio ambiente e do legado que supón para as futuras xeracións para facela partícipe das políticas neste eido.

Vías de participación

As persoas e entidades interesadas en participar neste proceso poderán consultar a documentación correspondente no portal de Transparencia e remitir as súas achegas e suxestións ata o 13 de novembro á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, preferentemente mediante correo electrónico dirixido ao enderezo biodiversidade.cma@xunta.gal.

En todo caso e como alternativa, tamén se poderán dirixir á Dirección Xeral de Patrimonio Natural mediante a presentación dun escrito a través das formas previstas na Lei do procedemento administrativo común.

Cómpre lembrar que este desenvolvemento normativo complementará a xestión das especies silvestres ameazadas en Galicia que vén realizando a Xunta tanto a través dos instrumentos de planificación dos diferentes espazos naturais protexidos (parques naturais, parque nacional, Rede Natura 2000), como de actuacións directas para avanzar no control das especies exóticas invasoras e na contención local e de protección dos sitios prioritarios para a conservación da flora e fauna galegas.

Data de actualización: 13/10/2023