A conselleira de Política Social e Xuventude visitou recentemente a escola infantil municipal de Ponteareas, acompañada da alcaldesa do concello, Nava Castro

Fabiola García destaca o impulso á escolarización de 0 a 3 anos en Galicia coa gratuidade e as axudas aos concellos

A nosa comunidade rexistra a mellor taxa de escolarización de España no primeiro ciclo de educación infantil

Coñeceu a proposta da rexedora de acollerse á orde de axudas que ten en marcha a Xunta para construír ou ampliar escolas infantís municipais

Ponteareas (Pontevedra), 13 de outubro de 2023 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou o impulso á escolarización de 0 a 3 anos en Galicia, con medidas como a gratuidade desta etapa educativa ou as axudas a Concellos para a construción ou ampliación de escolas infantís. Fabiola García visitaba recentemente a escola infantil municipal de Ponteareas, acompañada da alcaldesa Nava Castro, onde lembrou que Galicia rexistra a mellor taxa de escolarización 0-3 anos de toda España.

Durante esta visita, a conselleira coñeceu a proposta da alcaldesa de Ponteareas de acollerse ás axudas que ten en marcha a Xunta para construír ou ampliar escolas infantís ou Puntos de Atención á Infancia (PAI) de titularidade municipal. O obxectivo do concello de Ponteareas é dotarse de máis prazas de 0 a 3 anos para ofrecer ás familias do municipio máis facilidades de conciliación.

Esta nova convocatoria de axudas para o impulso do primeiro ciclo de educación infantil está dotada dun orzamento de 34 millóns de euros. Esta liña de subvencións enmárcase no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea ao abeiro do programa NextGenerationEU.

Galicia referente no apoio ás familias

Fabiola García subliñou que Galicia sitúase hoxe á vangarda no apoio ás familias e á conciliación. Neste sentido, apuntou que a nosa comunidade segue sendo a única que garante aos pais a atención educativa de 0 a 3 anos gratuíta aos seus fillos oito horas ao día e durante once meses ao ano en todas as escolas infantís. Unha medida na que o Executivo autonómico inviste 55 millóns de euros de fondos propios para que máis de 31.000 familias leven aos seus nenos ao centro que elixan e aforren 2.000 euros ao ano.

Outras medidas de apoio ás familias que ten en marcha o Executivo autonómico son a Tarxeta benvida, axuda directa de entre 1.200 e 3.000 euros que reciben os pais cando teñen un fillo; o centenar de casas niño creadas no rural, que supoñen un recurso de conciliación en concellos onde antes non existía; ou o reforzo do Bono Coidado Familia, para que os pais poidan contratar un servizo extraordinario de conciliación cando o necesitan.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2023