Lorenzana pon en valor o compromiso de Norvento coa transición enerxética en Galicia

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo unha xuntanza con representantes da compañía, con quen abordou os proxectos que está a levar a cabo en Galicia

Lembra que a nova fábrica que prevé instalar no polígono das Gándaras foi declarado pola Xunta proxecto empresarial singular

Recoñece a súa “vocación innovadora” e o seu traballo no eido da I+D+i, que é o que fai posible que Galicia poida contar co primeiro parque eólico experimental para solucións de autoconsumo que se pon en marcha en España
 

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o compromiso do Grupo Norvento coa transición ecolóxica en Galicia e co desenvolvemento das enerxías renovables.

Lorenzana mantivo unha xuntanza con representantes da compañía con quen tivo ocasión de abordar os proxectos que está a levar a cabo en Galicia. Entre eles, a nova fábrica que prevé instalar no polígono das Gándaras (Lugo), onde está situada a súa sede, que a Xunta declarou en abril proxecto empresarial singular, o que lle permite a adxudicación directa de solo industrial.

Trátase dunha nova fábrica dedicada á produción de equipos para a xeración e o almacenamento de enerxía —aeroxeradores, palas, convertedores de potencia, solucións contenerizadas para almacenar enerxía, etc—, así como servizos de operación e mantemento de equipamentos. Suporá un investimento que supera os 50 M€ e a creación de algo máis de 840 postos de traballo, entre directos e indirectos, segundo estimacións da propia empresa.

Na reunión, a conselleira recoñeceu a “vocación innovadora” de Norvento e o seu traballo no eido da I+D+i, que é o que fai posible que Galicia conte co primeiro parque eólico experimental para solucións de autoconsumo que se pon en marcha en España, apuntou. Unha oportunidade, dixo, para achegar ao sector novas solucións tecnolóxicas que o fagan máis eficiente.

Lorenzana concluíu salientando a aposta da empresa por poñer as enerxías renovables ao servizo da industria, que é un dos obxectivos da Xunta á hora de impulsar o desenvolvemento de sectores como o eólico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2023