A colección de arte do CGAC despídese este domingo do Museo Centro Gaiás

É unha das dúas exposicións realizadas entre o Gaiás e o CGAC para celebrar o 30 aniversario deste museo, onde segue aberta a outra mostra ata xaneiro

A mostra da Cidade da Cultura clausúrase tras colleitar preto de 13.000 visitas

O sábado haberá unha vista guiada polos artistas plásticos Mónica Alonso e Jorge Perianes e o domingo unha sesión de ‘Ioga no Museo’

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2023

A Cidade da Cultura despide este domingo a exposición Relatos contemporáneos desde a Colección CGAC. A mostra forma parte de Traballo en equipo. 30 anos do CGAC, proxecto expositivo en dobre sede co que a Xunta de Galicia festexa en 2023 o 30 aniversario do Centro Galego de Arte Contemporánea e que inclúe tamén a mostra Unha historia posible do CGAC, que se pode ver ata xaneiro na súa sede na cidade vella compostelá.

A exposición do Museo Centro Gaiás chega ao seu último fin de semana tras colleitar arredor de 13.000 visitas e despídese cun programa de actividades especiais que inclúe o sábado unha visita especial guiada polos artistas plásticos Jorge Perianes e Mónica Alonso. Eles asinan dúas das obras da mostra cun carácter marcadamente inmersivo —un bosque narrativo e perturbador que dá a benvida á propia exposición e unha habitación que afonda na relación entre arte e curación a través do uso da cor—. A visita é de balde e para asistir cómpre reservar praza en cidadedacultura.gal.

Xa no último día da exposición, este domingo día 15, está programada unha sesión de Ioga no Museo, unha proposta que convida a afondar na conexión entre o espazo arquitectónico, as formas da arte contemporánea e as asanas ou posturas desta disciplina milenaria. A actividade, de balde, ten as prazas esgotadas e estará conducida pola profesora certificada de ioga e guía do Servizo de Educación do Museo Centro Gaiás, Paula Toimil.

Medio cento de obras

Relatos contemporáneos desde a Colección CGAC é un proxecto que busca poñer de relevo a importancia transformadora do Centro Galego de Arte Contemporánea como museo, pero tamén como artífice, depositario e custodio da colección pública de arte contemporánea de referencia en Galicia. A exposición está comisariada por Santiago Olmo, director do CGAC, e Verónica Santos, coordinadora de exposicións do Museo Centro Gaiás, e amosa na Cidade da Cultura unha escolma de medio centenar de obras, moitas delas de gran formato, que ata o momento non puideran exhibirse de xeito conxunto. 

A exposición ofrece a oportunidade de achegarse, desde o prisma das artes plásticas, a algúns dos temas do mundo contemporáneo como a ecoloxía, o feminismo, o poscolonialismo ou a arquitectura e inclúe pezas asinadas por artistas como Giuseppe Penone, Mona Hatoum, Tono Carbajo, Francisco Leiro, Berta Cáccamo, Mar Vicente, Marlon de Azambuja, Juan Gopar, Jorge Perianes, Patrick Hamilton, Ângela Ferreira ou Suso Fandiño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2023