O director de Turismo de Galicia comparece no Parlamento para dar conta das accións

A Xunta ten mobilizado o 84% dos fondos europeos para a rehabilitación dos BICS do Camiño de Santiago

Oito dos 12 proxectos relativos aos BICS están xa licitados para “executar os investimentos o antes posible e aproveitar o retorno para os territorios”, expresa

Merelles insta aos catro restantes que están pendentes, dos concellos da Coruña, Pontevedra, Catoira, e a Portos do Estado, a que desbloqueen e activen os trámites

Estes fondos europeos compleméntase cos máis de 100M€ que o Goberno autonómico investiu nos últimos catro anos na posta en valor da ruta xacobea
 

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia leva mobilizados preto de 19M€ dos 24,4M€ que o Programa Xacobeo Next Generation ten asignados á rehabilitación e mellora de 12 bens de interese cultural (BIC) de titularidade pública vinculados ao Camiño de Santiago. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, fixo hoxe balance no Parlamento de Galicia do traballo levado a cabo por parte do Goberno autonómico para que estes proxectos sobre os BIC se fagan realidade e cuantificou nun 84% o volume mobilizado destes fondos europeos asignados para iso.

Como explicou na súa comparecencia, a día de hoxe, oito dos 12 proxectos de rehabilitación de BICs están xa licitados coa intención de que poidan executar os investimentos o antes posible. Sobre os outros catro que están pendentes, Xosé Merelles instou aos concellos e entidades responsables a que presenten os proxectos “e asinen os seus convenios para comezar co resto dos trámites que permitan executar os plans”.

Trátase, en concreto, do proxecto da Torre de Hércules, na Coruña; o Arquipélago de Sálvora, que está pendente de autorización de Portos do Estado para poder avanzar na rehabilitación do faro; a Ribeira do Lérez, en Pontevedra e as Torres do Oeste, en Catoira.

Conservar a ruta xacobea

Neste sentido, indicou que o aproveitamento destes fondos europeos é unha “oportunidade fundamental para seguir reforzando o potencial do Camiño de Santiago” para o que o Goberno autonómico actuou “con axilidade para garantir estes investimentos”. “Asinamos convenios cos concellos titulares dos bens, a cesión para as actuación foron levadas ao plenos municipais para a súa aprobación e recibimos os fondos europeos que estamos a xestionar directamente para garantir a súa correcta execución”, explicou.

Todo este traballo, dixo, ficho posible que xa estean licitados os proxectos da Illa de Ons, cun investimento previsto de 1,7M€, para a restauración paisaxística de obras e infraestruturas ou sinalización dixital; o cárcere vello de Tui (550.000€) para a rehabilitación do edificio, dotación eficiente do centros de interpretación; o Castelo de Santa Cruz de A Guarda (198.000€) para a mellora dos accesos e posta en valor ou  Casa Museo de Valle Inclán en Vilanova de Arousa (546.000€) para a mellora axardinamento paisaxístico, iluminación ou dotación de contidos.

Tamén están licitados á fortaleza de Monterrei (14,4M€) para a súa restauración estrutural e paisaxística; o conxunto histórico artístico de Mondoñedo (137.000€) para soterramento sustentable de cableado, instalación de puntos de acceso wifi, desenvolvemento de recursos audivisuais; o Parque do Pasatempo de Betanzos (1,5M€) para a restauración paisaxística e obras e infraestruturas ou a paisaxe cultural da Ribeira Sacra (1,4M€), para a adecuación de caminos e sendeiros, reducción de emisión ou sistema de transporte fluvial sustentable.

Esforzo inversor

O director de Turismo de Galicia recordou, ademais, que a Xunta complementou estes proxectos con fondos propios, “o que supuxo investimentos extra para garantir o cumprimento dos obxectivos de levar adiante a rehabilitación destes BIC”, engadiu.

Tamén se referiu a que os investimentos europeos deste Plan Xacobeo Next Generation deberán executarse antes do 2025 e que son o complemento ao traballo levado a cabo na Xunta de Galicia nos últimos anos para a conservación e rehabilitación dos recursos da ruta xacobea. Neste sentido, Xosé Merelles fixo balance do Plan Director dos Camiños de Santiago 2015-2021 e do Plan Estratéxico do Xacobeo 2019-2021 cos que, nos últimos catro anos, a Xunta investiu preto de 100M€ na mellora, acondicionamento, rehabilitación e moderniización dos distintos itinerarios.

Data de actualización: 13/10/2023