Galicia vacina máis de 30.000 persoas fronte á gripe e á covid en residencias sociosanitarias e domicilios

O luns 16 de outubro comeza a vacinación de persoas maiores de 80 anos nos centros cabeceira de atención primaria
 

O mesmo día 16 iníciase a vacinación contra a gripe de nenas e nenos de 6 a 59 meses
 

As persoas de 80 anos ou máis están a recibir un sms coa cita, mentres que as familias dos cativos deberán solicitala nos centros de saúde
 

A partir do 26 de outubro abriranse os grandes recintos para iniciar a vacinación das persoas de 70 a 79 anos ata chegar a todas as maiores de 60
 

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2023

A Consellería de Sanidade rematou a vacinación en residencias de maiores e de persoas con discapacidade, ademais de maiores de 80 anos inmobilizadas no seu domicilio, con 36.330 persoas vacinadas fronte á gripe e 33.900 contra a covid.

A campaña coordinada pola Dirección Xeral de Saúde Pública proseguirá o luns 16 de outubro co inicio da dobre vacinación de persoas con 80 ou máis anos, que están a ser citadas a través de mensaxes sms remitidas aos teléfonos de contacto nos centros cabeceira de atención primaria, e a vacinación fronte á gripe de nenas e nenos de 6 a 59 meses, para quen as súas familias deberán solicitar cita nos centros de saúde onde se lles administrará a vacina.

Posteriormente, a partir do día 26 de outubro, comezarase a dobre vacinación da franxa de idade de 70 a 79 nos grandes recintos, ademais de continuar vacinando nos domicilios de persoas inmobilizadas do mesmo grupo de idade.

Desta forma, prosegue o calendario da campaña de vacinación conxunta gripe e covid ata chegar a todas as persoas maiores de 60 anos, embarazadas e mulleres durante o puerperio, persoas menores de 60 con condicións de risco, persoal de centros sanitarios e sociosanitarios e persoas que traballan en servizos públicos esenciais como Forzas e corpos de seguridade do Estado, bombeiros ou Protección Civil.

Grazas á colaboración da poboación e do persoal da sanidade galega, a Dirección Xeral de Saúde Pública aspira a manter as porcentaxes de vacinación de anos anteriores, que sitúan a Galicia por riba da media nacional en todas as franxas de idade. Segundo os datos de 2022 de cobertura fronte á gripe, vacinouse o 81,42 % da cidadanía galega de máis de 75 anos, sendo a media en toda España do 67,32 %.

 
Data de actualización: 13/10/2023