A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe a entidade que forma parte da Federación de Escolas Familiares Agrarias (EFA)

A Xunta impulsa prácticas formativas para mozos de entre 18 a 30 anos na cooperativa Xallas

Realízanse a través do programa Xuventude Mentoring na Empresa que beneficia a un total de 170 mozos de toda Galicia que se inician no mundo laboral en máis de 70 entidades do sector privado e en tres concellos

A través da EFA, un total de 17 mozos están realizando prácticas en distintos sectores como o téxtil, o forestal, as comunicacións ou o benestar

Santa Comba (A Coruña), 13 de outubro de 2023 

A Xunta impulsa prácticas formativas para mozos de entre 18 e 30 anos na cooperativa Xallas, situada no concello coruñés de Santa Comba, a través do programa Xuventude Mentoring na Empresa. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, lembrou que esta entidade é unha das empresas colaboradoras da Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia (EFA), a través da cal 17 mozos e mozas están realizando as súas estadías formativas.

 

Ademais desta cooperativa Xallas, a EFA ofrece prácticas formativas noutras entidades de distintos sectores como o téxtil, o forestal, as comunicacións ou o benestar. No conxunto de Galicia, a primeira edición deste programa está a permitir un primeiro contacto co mundo laboral a 170 mozos e mozas. O Goberno galego destina 1,2 millóns de euros a esta nova proposta, financiada nun 80% polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020.

 

Cristina Pichel destacou o interese que levantou esta primeira edición do Xuventude Mentoring na Empresa entre as compañías, as entidades locais e a xente nova. Así, o programa conta co apoio de máis de 70 entidades do sector privado nas que a mocidade realiza prácticas formativas; e tamén conseguiu a implicación dos concellos, xa que que nesta edición participan tres municipios da Costa da Morte: Camariñas, Muxía e Vimianzo.

 

Xuventude Mentoring

Este programa supón un paso máis na formación e asesoramento á xuventude para facilitar a transición entre a etapa formativa e laboral. Neste sentido, a Xunta impulsou en 2021 o Xuventude Mentoring, que este ano vai pola súa cuarta edición e que permitiu acompañar a preto de 500 mozos no seu paso de estudantes a profesionais.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2023