Duplícase o número de profesores que forman a rede de acompañamento ao alumnado máis vulnerable
Un total de 71 profesionais traballarán na Rede de acompañamento e orientación persoal e familiar de Galicia, que funcionará por terceiro curso consecutivo
A Xunta amplía un 43% o orzamento e ofrece unha xornada de formación trimestral a estes docentes, en cuxa apertura participou a directora xeral de Ordenación
O obxectivo da rede é o desenvolvemento de actuacións de apoio e seguimento ao alumnado especialmente vulnerable, así como ás súas familias
A Xunta de Galicia amplía ata os 71 o número de docentes que integran a Rede de acompañamento e orientación persoal e familiar de Galicia, a coñecida como RAOGAL, un programa que funcionará na nosa Comunidade por terceiro curso consecutivo co obxectivo de apoiar ao alumnado máis vulnerable. A rede comezou no curso 21/22 con 32 docentes e continuou o ano pasado con 42. Dado a súa boa acollida, decídese duplicar os recursos sobre o previsto.
Todos estes profesionais veñen de reunirse na primeira das xornadas de formación específica que lles ofrece a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades este curso, e que terán carácter trimestral. Nela, deulles a benvida Judith Fernández, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, quen agradeceu o importante labor que están desenvolvendo e explicou os retos e previsións para este curso.
Na formación, que se desenvolveu na Cidade da Cultura, abordouse a atención a menores en situación de risco, a prevención e promoción da saúde mental infanto–xuvenil e o traballo co alumnado de FP Básica, entre outros asuntos.
A ampliación da rede responde á gran acollida á mesma por parte dos centros escolares, cuestión que tamén se puxo de manifesto durante a xornada de formación. De feito, no curso pasado atendéronse case 1.000 alumnos nun total de 431 centros. Para facer fronte a este incremento, a Consellería de Educación va destinar este curso máis de 2,8M€ a este programa, o que representa case un 43% máis ca no curso anterior.
Abandono escolar, absentismo e dificultades
A rede de acompañamento artéllase a través dos centros onde teñen a súa base estes 71 docentes, que exercen como coordinadores dos colexios e institutos da súa área de influencia para o apoio ao alumnado con maiores dificultades. A súa tarefa céntrase en desenvolver actuacións específicas de apoio e seguimento ao alumnado más vulnerable desde o punto de vista educativo, ao tempo que colaborar coas familias e a contorna. O perfil más frecuente do alumnado atendido polas unidades de acompañamento é aquel que está en risco de abandono escolar, absentista e con dificultades de aprendizaxe.
Os docentes responsables de cada unidade acompañamento e orientación son os encargados do desenvolvemento das actuacións de apoio e seguimento ao alumnado que o precise, sempre en coordinación cos departamentos de orientación dos centros. Tamén se realizan labores de acompañamento ás familias, ofrecéndolles recursos para unha maior implicación nos procesos educativos dos seus fillos.