Estabilizado o incendio forestal do concello ourensán de Avión, parroquia de Nieva

Segundo as últimas medicións, o lume afecta unha superficie de arredor de 70 hectáreas

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2023

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Avión, parroquia de Nieva, quedou estabilizado ás 12,16 h. deste mediodía. O lume iniciouse ás 21,34 h. de onte en ata tres puntos diferentes, o que -xunto coa nocturnidade- dá idea de intencionalidade.

Segundo as últimas medicións, o incendio afecta unha superficie de arredor de 70 hectáreas. Para a súa estabilización mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 18 axentes, 26 brigadas, 17 motobombas, 3 pas, 2 avións e 1 helicóptero.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 12/10/2023