O Sergas é o segundo mellor servizo de saúde de España para os provedores de material hospitalario

O informe Benchmarking Hospitais 2022-2023 elaborado por AECOC avalía a calidade percibida polos provedores que traballan co Servizo Galego de Saúde en canto a loxística, aprovisionamento e compras

Galicia acada unha valoración de 6,8, case un punto por riba da media nacional que é de 5,9 puntos

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2023

O Servizo Galego de Saúde foi puntuado como o segundo mellor servizo de saúde a nivel nacional en base ás valoracións das empresas provedoras de material hospitalario, tal e como se recolle no informe Benchmarking Hospitais 2022-2023 elaborado pola asociación de codificación AECOC.

Para avaliar a calidade percibida dos provedores con respecto ao Sergas, o estudo analizou 35 puntos de control agrupados en bloques como, por exemplo, cumprimento de cantidades, referencias e caducidades dos pedidos, cumprimento de prazos, horarios e días de entrega pactados, grao de eficiencia da xestión administrativa en facturación.

Segundo as puntuacións dadas, a valoración que acada Galicia é de 6,82, a segunda mellor posición de España e case un punto por encima da media nacional que se sitúa en 5,9 puntos.

En canto ás categorías mellor valoradas na loxística, aprovisionamento e compras do Sergas, o estudo sinala, entre outras, a actualización en tempo e calidade de datos como pesos e dimensións dos produtos.

Automatización e centralización

A Xunta está a afondar na automatización e aforro no Sergas co servizo de loxística integral que espertou o interese de representantes sanitarios de Euskadi, a Comunidade de Madrid, Salamanca e Barcelona que visitaron nos últimos meses as instalacións da plataforma centralizada en Negreira.

Diariamente a plataforma loxística atende máis de 11.000 solicitudes dos hospitais e centros sanitarios galegos, respondendo aos pedidos de emerxencia, de ser necesario, en menos de 2 horas e media.

Data de actualización: 12/10/2023