A Xunta reforza os obradoiros Quérote+ para a mocidade no eido do benestar emocional

A principal novidade da oferta deste ano é a inclusión da etapa de Bacharelato cun obradoiro específico sobre benestar emocional, así como outros para familias neste ámbito

A oferta, que está dispoñible para centros educativos, concellos e asociacións, inclúe charlas informativas sobre temas de interese para a mocidade como a sexualidade, a autoestima, a convivencia e as relacións sociais, o uso das tecnoloxías ou a prevención das adiccións

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2023 A Xunta publicou na páxina web de Xuventude a oferta de obradoiros Quérote+ destinados a centros educativos, concellos e asociacións. Mediante estas actividades, ofrécense sesións informativas para a mocidade e as familias con menores a cargo sobre distintas temáticas de interese para esta etapa como a sexualidade, a autoestima, a convivencia e as relación sociais, o uso das tecnoloxías ou a prevención das adiccións.

A principal novidade da oferta deste ano é a inclusión da etapa educativa de Bacharelato cun obradoiro específico sobre benestar emocional. Este obradoiro estará dispoñible a partir de xaneiro e permitirá crear un espazo de reflexión nos centros sobre a influencia das emocións no comportamento, dar a coñecer ferramentas de xestión emocional, promover actitudes positivas e valorar a diversidade como valor nas relacións humanas.

Así mesmo, tamén se oferta outro novo enfocado para familias neste mesmo ámbito, cos obxectivos de facilitar un espazo para desenvolver ferramentas cara unha comunicación positiva en familia, fomentar o bo trato en familia, coñecer recursos de apoio e promover os autocoidados. Este obradoiro tamén estará dispoñible a partir de xaneiro.

Os centros educativos, concellos ou asociacións xuvenís que estean interesadas en solicitar un destes obradoiros deberán dar cumprimento ao formulario dixital que aparece na páxina web: Quérote Máis (xunta.es). A organización contactará con eles por vía telefónica o antes posible para acordar a data da actividade. No caso dos concellos e organizacións xuvenís, as actividades deben estar dirixidas a un mínimo de 10 persoas e un máximo de 25 con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos ou para familias con menores a cargo.

Centros Quérote+

Os centros Quérote+ son un servizo de información e asesoramento á xuventude nas áreas vinculadas ao entendemento social e o crecemento persoal. Está composto por un equipo especializado de profesionais da psicoloxía, da educación social e o traballo social para axudar no ámbito afectivo-sexual, na prevención do consumo de drogas, no uso das TIC ou no reforzo da autoestima, entre outros. En xeral en todos aqueles asuntos nos que os mozos precisen dun apoio psicosocial.

Hai cinco centros Quérote + habilitados nas cidades da Coruña, Lugo, Santiago, Ourense e Vigo para atender á mocidade e, ademais, os profesionais achéganse aos centros educativos, concellos e asociacións para impartir formación e charlas en diferentes eidos. Cómpre lembrar que o servizo de consulta pode ser presencial, telefónico, online, por videochamada e por mensaxería instantánea o 647 018 752.

Data de actualización: 12/10/2023