A Xunta aborda cos concellos do Morrazo a nova prórroga do convenio da Área de Transporte Metropolitano de Vigo

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe os primeiros encontros, cos concellos de Moaña e de Cangas, aos que se sucederán reunións co resto de municipios nas vindeiras semanas

Na xuntanza analizouse a evolución do funcionamento do transporte de ría, onde se rexistrou un notable incremento de usuarios motivado pola superación da pandemia, polo inicio do curso escolar e polos incentivos económicos

Vigo, 11 de outubro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou este mércores os contactos cos concellos do Morrazo para abordar a nova prórroga do convenio da Área de Transporte Metropolitano de Vigo. O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo as primeiras reunións coas alcaldesas de Moaña e de Cangas, ás que se sucederán xuntanzas co resto de municipios nas vindeiras semanas.

Tal e como destacou o representante autonómico, os dous concellos comparten unha singularidade dentro do Plan de Transporte Metropolitano, xa que nestes dous municipios nas vantaxes que ofrece o sistema, ademais dos autobuses interurbanos da Xunta, están incluídos os servizos de transporte de ría de conexión con Vigo.

Na xuntanza de hoxe, abordouse a evolución do funcionamento do Transporte Metropolitano nos concellos de Cangas e de Moaña, onde se rexistrou un notable incremento de usuarios nos últimos tempos, motivado pola superación da pandemia, polo inicio do curso escolar e polos incentivos económicos ao transporte público.

Descontos e bonificacións

Actualmente, ademais dos descontos do Transporte Metropolitano e da gratuidade das viaxes para os menores de 21 anos, a Xunta está a aplicar unha bonificación adicional do 50 % sobre o prezo do billete nos autobuses e nos barcos.

Así, en 2023, o transporte metropolitano de Cangas rexistrou un incremento de viaxes nos nove primeiros meses do ano do 27,2 % con respecto ao mesmo período de 2022. En Moaña ese incremento é aínda superior, representando un 35,8 %.

Preto de 100 M€ ao ano

O Plan de Transporte Metropolitano é un proxecto baseado na colaboración entre a Xunta e os concellos que voluntariamente deciden reforzar as facilidades de acceso á cidadanía ao transporte público. Así, a Xunta, que destina preto de 100 M€ anuais ao mantemento das liñas de transporte interurbano, achega o 80 % do importe das bonificacións que se aplican no transporte metropolitano, asumindo, ademais, integramente o importe da bonificacións por recorrencia e o total da gratuidade para os menores de 21 anos.

Data de actualización: 11/10/2023