O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo reuniuse hoxe con representantes das empresas de fabricantes de fachadas e fiestras

A Xunta prevé esgotar os fondos das convocatorias deste ano das axudas para mellorar a eficiencia enerxética en vivendas e edificios residenciais

O prazo de presentación de solicitudes pechouse o pasado 2 de outubro e o IGVS rexistrou demanda para rehabilitar preto de 17.000 vivendas

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2023

A Xunta prevé esgotar os fondos asignados ás convocatorias de 2023 dos programas de rehabilitación enerxética de edificios e vivendas —financiados con fondos da UE a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia— á vista do volume de solicitudes recibidas.

Así llo trasladou esta mañá o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto, a representantes da directiva da Asociación española de fabricantes de fachadas lixeiras e fiestras (Asefave), cos que mantivo unha reunión para compartir información sobre a marcha da execución destes programas de axudas.

Os prazos para a presentación de solicitudes para acollerse á convocatoria deste ano destas liñas de axudas remataron o pasado 2 de outubro, rexistrándose solicitudes para preto de 17.000 vivendas en total, cifra que aínda se poderá ver incrementada porque seguen chegando ao IGVS solicitudes presentadas en prazo.

A día de hoxe, o organismo autonómico ten contabilizadas peticións para actuar en máis de 10.000 vivendas no marco do programa a nivel de edificio, máis de 1.100 para a liña a nivel de vivenda e máis de 5.300 no de libro do edificio e proxectos de rehabilitación.

Cómpre lembrar que na convocatoria de 2022 a Xunta concedeu axudas para executar actuacións de mellora da eficiencia enerxética en máis de 14.500 vivendas.

As convocatorias de 2023 superan os 73 millóns de euros, dos que máis de 64,43 millóns son destinados a edificios residenciais (elementos comúns en edificios colectivos e actuacións en vivendas unifamilliares), preto de 3,87 millóns a actuacións en vivendas de forma individual e máis de 2,86 millóns destínanse á elaboración do libro do edificio e á redacción de proxectos de rehabilitación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2023