O director de Turismo de Galicia participa en Mondariz-Balneario nos actos de celebración do Día Europeo do Patrimonio Termal 2023 que se celebra en Galicia

Xosé Merelles salienta a capacidade de crecemento do turismo termal para dinamizar economicamente o rural galego

Destaca que só o ano pasado rexistráronse medio millón de noites vinculadas ao termalismo con visitantes nacionais “cun gasto superior ao dun turista convencional”

Representantes de asociacións de Portugal, Bélxica e Nova York, entre outras, compartiron estes días as súas experiencias e coñecementos neste evento

Mondariz-Balneario (Pontevedra), 11 de outubro de 2023 O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe nos actos de celebración do Día Europeo do Patrimonio Termal 2023 que se celebra estes días en Mondariz-Balneario onde se referiu ás “múltiples posiblilidades” que o turismo termal está a presentar para dinamizar economicamente o rural galego.

Ante expertos e representantes de asociacións europeas ligadas ao termalismo que están a participar nas actividades estes días, Xosé Merelles, referiuse á capacidade de crecemento que ten este tipo de turismo.  De feito, como apuntou, só o ano pasado xerou 150.000 turistas e algo máis de medio millón de noites, tanto por parte de visitantes galegos como do resto de comunidades autónomas. “Os datos cuantitativos son bos pero os cualitativos son incluso mellores para dinamizar o territorio, xa que o gasto deste tipo de turista é case o dobre que o dun convencional”, engadiu.

Para conseguir reforzar a actividade turística ao redor do termalismo e afondar no seu crecemento, Xosé Merelles salientou a posta en marcha da nova área propia dentro de Turismo de Galicia sobre estes asuntos. Con sede en Ourense, estase a traballar para afondar na proxección exterior de Galicia como un referente no termalismo, fomentar a modernización de infraestruturas, diversificar o sector ou promover a integración do termalismo galego en proxectos europeos de turismo de saúde, expresou.

Tamén se referiu ás posibilidades de futuro que traerán consigo os novos plans de sustentabilidade turística que a Xunta de Galicia impulsará en distintos territorios do rural a partir do ano que vén vinculados aos cascos históricos e termalismo, grazas aos fondos europeos Next Generation.

Termalismo e turismo

O Día do Europeo do Patrimonio Termal é un evento anual establecido polo Comité Científico da Asociación Europea de Cidades Termais Históricas para poñer en valor o patrimonio termal europeo e situalo no panorama turístico. Desde a súa posta en marcha, esta é a primeira vez que se escolle Galicia para celebrar as actividades. En concreto, Mondariz-Balneario foi elixido como o anfitrión do evento coincidindo co seu 150º aniversario.

Durante estes días cóntase coa presenza de representantes de asociacións europeas ligadas ao termalismo e ao turismo. Relatores de diferentes rexións, incluíndo Mondariz Balneario, Caldas da Rainha en Portugal, Spa en Bélxica e Saratoga Springs en Nova York, compartiron as súas experiencias e coñecementos. Adicionalmente, ofreceuse una variedade de actividades como obradoiros, percorridos panorámicos polo pobo termal, visitas guiadas e teatralizadas, destacando os recursos naturais, culturais e gastronómicos do Condado Paradanta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2023