A Xunta concede apoios por preto de 4 M€ para continuar avanzando na innovación tecnolóxica e a sustentabilidade do comercio de proximidade galego

A Consellería de Economía, Industria e Innovación impulsa proxectos de 222 pemes e 14 asociacións do sector a través do programa de axudas do Fondo Tecnolóxico

Fináncianse aplicacións de big data e análise de datos para mellorar a experiencia da clientela; probadores interactivos; asistentes virtuais (chatbots) ou aplicacións de realidade virtual e aumentada

Tamén se apoian, entre outras actuacións, sensores de presenza para a regulación automática de luces e sistemas de climatización

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2023

A Consellería de Economía, Industria e Innovación vén de conceder apoios por 3,9 millóns de euros a un total de 222 pemes e 14 asociacións para continuar avanzando na innovación tecnolóxica e a sustentabilidade do comercio de proximidade galego, adaptándose ás novas demandas da clientela, mediante o programa de axudas do Fondo Tecnolóxico, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU.

A través desta iniciativa, fináncianse proxectos de contido tecnolóxico, innovador e sustentable dirixidos a impulsar o emprego das novas tecnoloxías no sector comercial, alcanzando o 90% do investimento subvencionable.

No caso dos comercios, entre outras actuacións, financiaranse aplicacións de big data e análise de datos para mellorar a experiencia da clientela; sistemas de click and collect e locker dixitais; etiquetado electrónico para liñais de venda; probadores interactivos; asistentes virtuais (chatbots) ou aplicacións de realidade virtual e aumentada.

Os comerciantes tamén obtiveron apoios para, entre outras actuacións, instalar sistemas de climatización enerxeticamente eficientes e sensores de presenza para a regulación automática de luces.

No que respecta ás asociacións do sector, destinan as axudas á instalación de mupis dixitais, redes wifi nas áreas comerciais, procesos ecoeficientes para a correcta separación de residuos ou proxectos para mellorar a eficiencia enerxética, entre outros.

Esta é a segunda edición deste programa que se resolve este ano, sumando en total apoios por preto de 5,3 millóns dos que se benefician preto de 300 pemes e 26 asociacións do sector.

Data de actualización: 12/10/2023