A Xunta concede 302.000 euros a oito concellos lucenses para adquirir vehículos destinados aos servizos sociais

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que os municipios beneficiarios son O Saviñao, Quiroga, Abadín, Palas de Rei, Monterroso, O Vicedo, Becerreá e Negueira de Muñiz

Lugo, 12 de outubro de 2023

A Consellería de Política Social e Xuventude concedeu axudas por importe total de 302.000 euros a oito concellos lucenses para adquirir vehículos de emisión 0, eco ou de etiqueta C verde para o seu uso por parte dos servizos sociais municipais.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explica que as achegas están dirixidas a municipios de menos de 10.000 habitantes. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución da convocatoria, que na provincia de Lugo beneficia ao Saviñao, Quiroga, Abadín, Palas de Rei, Monterroso, O Vicedo, Becerreá e Negueira de Muñiz.

A contía máxima da achega económica é de 40.000 euros por vehículo. Os concellos poderán solicitar un anticipo do 80% da axuda concedida, co fin de facilitar que conten con liquidez suficiente para facer fronte á compra do transporte.

A posta en marcha desta liña de achegas, dotada cun millón de euros, enmárcase no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea a través do programa NextGenerationEU. Recentemente tamén se resolveu outra orde para o mesmo fin destinada ás entidades sociais, que repartiu 3,6 millóns de euros entre 80 entidades galegas.

Data de actualización: 12/10/2023