A Xunta sube nun 55 % a partida para os centros de investigación máis excelentes do sistema universitario de Galicia ata acadar os 38,5 M€

Esta nova inxección permitiralles gozar de estabilidade económica para desenvolver a súa actividade durante catro anos máis
 

Os centros que obteñan a acreditación formarán parte da Rede CIGUS e ábrese unha nova categoría para novos centros que aspiran a formar parte desta
 

Por primeira vez establécese un procedemento de avaliación externa da excelencia científica, técnica ou artística, o que permitirá obter una foto completa da calidade da investigación universitaria en Galicia
 

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2023 O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, salientou hoxe a suba nun 55 % da partida da Xunta para os centros de investigación máis excelentes do sistema universitario de Galicia ata acadar os 38, 5 millóns de euros.

O mandatario galego deu conta da aprobación por parte do Consello da Xunta dunha nova convocatoria da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o apoio aos centros de investigación máis excelentes das universidades galegas, que forman parte da Rede de centros de investigación universitaria de Galicia (CIGUS).  

“Aumentamos sensiblemente as partidas”, valorou Rueda, quen precisou que a contía anual a recibir pasa dos 6,8 millóns de euros ao ano da convocatoria anterior e vixente ata o de agora, ata os máis de 10,5 millóns de euros anuais da nova que rexerá entre 2024 e 2027. Así pois, esta nova inxección consolida un investimento de case 80 millóns de euros da Xunta de Galicia para os centros de investigación máis excelentes do sistema.

Rueda explicou que na actualidade son oito os espazos que conforman a Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia (CIGUS) nos que traballan 1.300 científicos.

En concreto, son na Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular (CIMUS), o Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE); na de Vigo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións (AtlantTic), o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIM), e na da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC).

Segundo precisou, son os que teñen acreditada a máxima excelencia e reciben cada ano estas as axudas e ata agora houbo dúas posibilidades de obter esta acreditación: en 2016 e 2019.

Nova categoría de centros

O presidente da Xunta explicou que a principal novidade desta convocatoria é que se crea unha nova categoría de centros: os que obteñan máis de 150 puntos serán os de maior excelencia e formarán parte da Rede de CIGUS. Accederán a axudas de entre 400.000 euros e 1 millóns de euros ao ano.

E tamén se vai crear a categoría de Centro de Investigación Colaborativo. Serán os que acaden entre 120 e 149 puntos, é dicir, que aínda que non obteñen a acreditación de excelencia, están camiño de conseguilo. Neste caso as achegas serán de entre 100.000 e 200.000 euros por ano.

Esta nova convocatoria de acreditación da excelencia (científica, técnica ou artística) e as axudas para a estrutura, mellora e apoio aos centros de investigación aprobada hoxe   tamén abre a porta ao financiamento de novos centros que camiñen cara a excelencia, malia que aínda non formen parte da Rede CIGUS, pero que aspiran a facelo.

Así mesmo, establécese por primeira vez un procedemento de avaliación externa da excelencia científica-técnica-artística para todos os centros de investigación do SUG que cumpran os requisitos mínimos establecidos na convocatoria. Isto permitirá, ademais, obter una foto completa da calidade da investigación universitaria en Galicia.

Acreditación de excelencia

O obxectivo desta convocatoria é dobre. Por unha banda, acreditar en excelencia aos centros de investigación universitaria, segundo as súas capacidades; por outra, contribuír ao financiamento e á execución dos seus proxectos estratéxicos no período 2023-2027. 

Poderán presentarse á acreditación os centros de Investigación que obtivesen financiamento na convocatoria previa do ano 2019 e tivesen superado o procedemento de avaliación final; os que obtivesen unha axuda no programa estatal de Centros Severo Ochoa ou María de Maeztu e outros que cumpran os requisitos mínimos de acceso referidos á súa gobernanza, estrutura, financiamento, calidade científica e transferencia de resultados establecidos na convocatoria.

A acreditación da excelencia dos centros realizarase a partir das valoracións feitas por un comité externo con base en tres grandes dimensións: Organización e goberno (estratexia, gobernanza e estrutura organizativa, xestión do talento, financiamento e infraestrutura), Calidade da investigación (proxectos, produción científica, colaboración interna, recoñecementos, transferencia e internacionalización) e Relevancia para a sociedade (investigación e innovación responsable, servizos e comunicación).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2023