O Fiot de Carballo estrea o espectáculo de Redrum O pequeno poni, producido con subvención da Xunta

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación da función programada polo certame carballés, que conta tamén co apoio do Goberno autonómico para a organización da súa 32ª edición

A montaxe, dirixida por Alex Sampayo e protagonizada por Guillermo Carbajo e Laura Míguez, represéntase mañá no Pazo da Cultura

A compañía compostelá continúa afondando na reflexión social, desta volta a partir dun texto de Paco Bezerra que aborda o acoso escolar e a homofobia
 

Carballo (A Coruña), 11 de outubro de 2023

Redrum Teatro estrea este venres 13 no Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo o seu novo espectáculo, O pequeno poni,co que a compañía compostelá dá un novo paso nunha liña de traballo que pon o foco sobre diferentes lacras sociais na procura dunha reflexión colectiva. A Xunta de Galicia contribuíu á súa produción como unhas das 29 montaxes subvencionadas na convocatoria anual para creación escénica, dotada con 800.000 euros.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o equipo de O pequeno poni e da organización do FIOT na presentación aos medios desta estrea absoluta, programada para as 21,00 h. deste venres no Pazo da Cultura carballés. Na súa intervención, fixo fincapé na consolidación de Redrum Teatro como “referente de calidade e continuidade no noso panorama escénico, sempre apostando por tramas de contido social, conectadas coa actualidade e con interpretacións destacadas”.

De novo baixo a dirección de Alex Sampaio, desta volta soben ás táboas Guillermo Carbajo e Laura Míguez para representar un retrato escénico contra o acoso escolar e contra a homofobia, que procura brindarlle ao público unha reflexión a prol da empatía e da aceptación da diversidade. A partir da obra orixinal de Paco Bezerra, Redrum aborda a historia dunha parella cun fillo de nove anos que vai á escola cunha mochila de O meu pequeno poni, a súa serie favorita, espertando mofas, vexacións e a violencia máis brutal dos seus compañeiros.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou igualmente a calidade do resto do equipo artístico involucrado no espectáculo, con Carlos Álvarez-Ossorio no deseño da iluminación, Fernando Epelde do espazo sonoro ou David Fidalgo como autor das animacións que se proxectan en escena.

Programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios

Explicou, ademais, que esta función de estrea se insire na programación que o Pazo da Cultura desenvolve este semestre como espazo adherido á Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de espectáculos xestionado pola Xunta en colaboración con 40 entidades locais asociadas. Ao tempo, forma parte da programación da 32ª edición do FIOT, que tamén conta con subvención autonómica como un dos 10 festivais subvencionados a través da convocatoria específica para mostras de artes escénicas, dotada en 2023 con 210.000 euros.

Tras o seu paso por Carballo, O pequeno poni porá rumbo cara ao Teatro Principal de Ourense, onde se poderá ver o domingo 15 tamén dentro da carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios, e a sede do Centro Dramático Galego no Salón Teatro de Santiago, onde estará os días 26 e 27 deste mesmo mes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2023