Bruxelas pon en valor proxectos da Xunta cofinanciados con fondos europeos como os polos de emprendemento e a oferta formativa para o emprego

A páxina web da Comisión Europea faise eco da visita realizada a Galicia o pasado setembro polo comisario de emprego, Nicolas Schmit, que coñeceu de primeira man o traballo de impulso á iniciativa empresarial desenvolvido no polo de Silleda

A publicación recoñece as axudas que o Goberno galego está a brindar ás persoas para xestionar retos sociais con apoios, entre outros, ao emprego

Pon en valor a iniciativa autonómica de ofrecer microformacións para que as persoas traballadoras poidan adquirir habilidades e competencias de modo flexible
 

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2023

A Comisión Europea faise eco da recente visita do comisario europeo de emprego, Nicolas Schmit, a Galicia, a través dunha publicación web na que recoñece o esforzo da Comunidade para enfrontar os retos futuros no eido do emprego a través do fomento do emprendemento e a formación flexible.

Bruxelas pon en valor, entre outras iniciativas, o despregamento da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que conta con 10 centros en activo na Comunidade e que está cofinanciada de fondos europeos FSE+. Lembra que o comisario Schmit tivo ocasión de coñecer o traballo desenvolvido no Polo de Silleda, onde compartiu impresións con promotores de proxectos empresariais de nova creación.

Tal e como destaca a publicación, os polos fomentan o emprendemento a través do asesoramento continuo e a titoría a medida. Axudan aos novos emprendedores a poñer en marcha ou mellorar os seus emprendementos empresariais e desempeñan un papel clave no desenvolvemento do sector empresarial rural, remarcan.

A Comisión Europea tamén destaca os apoios que a Xunta dispensa a persoas desempregadas para que poidan seguir a formarse, e os incentivos para que as empresas cualifiquen os seus traballadores en sectores con demanda no mercado laboral.  

Galicia está a avogar pola formación para construír unha forza laboral preparada para a transición verde e dixital. Neste sentido está a promover as denominadas microcredenciais, impulsadas desde Europa, para garantir a adquisición de habilidades e competencias de forma flexible. Os cursos axudan tanto ás persoas empregadas como ás desempregadas a desenvolver o seu potencial en habilidades dixitais, de comunicación e de xestión.

A Xunta de Galicia destaca a importancia de que a Comisión Europea destaque as súas iniciativas de emprego, que poden ser tomadas como exemplo noutros territorios cunha configuración empresarial e social semellante á galega.

Data de actualización: 11/10/2023