A Xunta comeza as obras do novo aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido na contorna do núcleo de Ameal, en Marín

A actuación supón un investimento autonómico de preto de 650.000 €

Executase un aparcadoiro de 82 prazas nas inmediacións da Variante de Marín (VG-4.4) e da vía provincial EP-1202, cunha superficie total de 3.000 m²

O novo estacionamento incorporará unha marquesiña para facilitar o acceso ás liñas de autobús, atendendo a petición do Concello de Marín

A Xunta segue traballando no impulso dos proxectos promovidos ao abeiro dos fondos Next Generation para fomentar a mobilidade sustentable nas contornas das cidades e vilas galegas, aos que se destina este ano un investimento de arredor de 29 M€

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2023

A Xunta está a comezar a execución das obras dun aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, no concello de Marín.

O novo aparcadoiro, que se executa na contorna do núcleo de Ameal, suporá un investimento de preto de 650.000 euros, sitúase nas inmediacións da Variante de Marín (VG-4.4) e da vía provincial EP-1202 e contará cunha superficie total de 3.000 m².

O novo aparcadoiro disporá dun total de 82 prazas, 79 en batería e 3 en liña. Ademais, tres desas prazas serán para persoas con mobilidade reducida e haberá preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos.

As prazas de aparcadoiro terán unhas dimensións de 2,5 por 5 metros, mentres que os carrís de circulación interiores disporán de 4,2 metros de anchura cun só sentido de circulación.

Nas obras en execución inclúese a habilitación de itinerarios peonís de 1,8 metros de anchura para garantir unha mobilidade segura no seu interior, zonas de arborado e alumeado público e, no bordo, as correspondentes beirarrúas.

Ademais, a petición do Concello de Marín, as obras que se están iniciando incorporarán a disposición dunha marquesiña para facilitar o acceso e espera das liñas de autobús neste punto.

 

Estas actuacións forman parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles, aos que destina este ano arredor de 29 M€.

 

No marco destes proxectos, a Xunta inclúe os aparcadoiros disuasorios, as sendas nas contornas das grandes cidades, a mellora da seguridade e da accesibilidade nas paradas de autobús nas estradas autonómicas ou os investimentos nas estacións intermodais.

 

A Xunta segue a impulsando a mobilidade sostible, fomentando a dotación de aparcadoiros disuasorios en zonas próximas ás principais vías de entradas ás cidades de Galicia e conectados coa rede de servizos de transporte público colectivo, con itinerarios peonís e ciclistas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2023