A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Tambre ao seu paso polos concellos de Frades e do Pino

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos
 

Augas de Galicia continúa a traballar na mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos
 

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2023   A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Tambre, ao seu paso polos concellos de Frades e do Pino. 

Os traballos están a desenvolverse no treito interurbano do río no seu percorrido por distintos lugares destes dous municipios. 

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.  

Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.  

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, e nas súas zonas de acceso e protección. 

Estas intervencións da Xunta contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2023