A Xunta apoia a V feira especializada no Camiño Fairway, que promoverá máis de 3.000 reunións profesionais para fomentar o emprego na ruta xacobea

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participa na presentación deste foro que se desenvolverá do 1 ao 3 de novembro en Santiago de Compostela

A sustentabilidade e economía circular será o eixo no que pivotará o encontro, que incluirá actividades para todos os públicos e, como novidade, unha feira de emprego
 

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 202

3 O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na presentación da V edición de Fairway, o foro de debate e feira profesional sobre o Camiño de Santiago que se celebrará en Santiago de Compostela do 1 ao 3 de novembro co apoio da Xunta de Galicia. Trátase dunha iniciativa que este ano ten previsto promover ao redor de 3.000 reunións online e presenciais entre empresarios que operan na ruta xacobea e, como novidade, a celebración dunha pequena feira de emprego.

Durante a presentación, Xosé Merelles, agradeceu á organización “ter consolidado no outono galego un evento profesional que promove as sinerxías entre as persoas que traballan na ruta xacobea, tan importante para Galicia e para o noso turismo”. Valorou, positivamente, ademais, que o lema deste ano pivote ao redor da sustentabilidade e da economía circular, “un asunto que desde o Goberno galego temos moi presente desde hai anos con acción para impulsar a diversificación e desestacionalización”, indicou.

Neste sentido, salientou que ante o incremento no número de peregrinos nos últimos anos -ao pasar de algo máis de 2.000 Compostelas entregadas na década dos 80 cada ano, ás máis de 400.000 na actualidade- é máis importante que nunca saber xestionar ese crecemento “de maneira sustentable e intelixente” e promover a reflexión e as sinerxías entre os profesionais.

Como explicou, a intención do Goberno autonómico é seguir mantendo a boa experiencia tanto na peregrinación como entre os veciños, tendo en conta que, segundo o estudo realizado en colaboración coa Universidade de Santiago sobre o impacto socieconómico do Camiño de Santiago pola notable maioría de vecinos dos concellos do Camiño en termos de ingresos, comercio local, emprego e turismo.

Máis de 40 touroperadores

Este e outros temas abordaranse nos tres días nos que se celebrará Fairway. Será do 1 ao 3 de novembro no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela. Unha das grandes novidades será a celebración dunha Feira de Emprego, en colaboración coa Fundación Ronsel, o mércores 1 de novembro. Tamén terá lugar ese día unha xornada aberta ao público con propostas para todas as idades e actividades lúdicas.

Ademais, desde o punto de vista profesional, a organización prevé promover durante estes días máis de 3.000 reunións de negocio online e presenciais entre empresas e 42 touroperadores nacionais e internacionais. Estas actividades compleméntase coa organización de viaxes de familiarización e de prensa, nos que arredor dunha trintena de touroperadores e representantes de medios de comunicación poderán coñecer de primeira mana as características de varias rutas.

A temática desta edición é a economía circular e, para iso, ofrecerase os días 2 e 3 distintas mesas redondas nas que se presentarán exemplos de proxectos profesionais e de emprendemento que respectan este principio. Tamén haberá obradoiros formativos para dar a coñecer o uso de ferramentas dixitais.

 
Data de actualización: 11/10/2023