A Xunta abre o prazo de inscrición para a formación en atención a persoas LGTBIQ+ dirixida a profesionais dos Centros de Información á Muller de Galicia

A Xunta está a impulsar o papel destes recursos para prestar atención directa e experta a estes colectivos e previr a LGTBIfobia

Impartirá un curso de 12 horas de formación en 3 xornadas virtuais e 2 presenciais durante os meses de novembro e decembro

As persoas traballadoras destes centros poden solicitar a súa participación ata o 31 de outubro na web formacioncimgalicia.gal
 

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén aberto ata o 31 de outubro o prazo de inscrición para que profesionais que traballan nos Centros de Información á Muller (CIM) reciban formación en materia de atención ás persoas LGBTIQ+.

A Xunta de Galicia quere aproveitar a experiencia dos centros de información á muller (CIM) para apoiar a estes colectivos e traballar na sensibilización e prevención das actitudes LGTBIfóbicas que lles afectan.

A comunidade conta con 84 CIMs, recurso esencial no traballo coas persoas, pola súa proximidade e pola súa consolidación nas contornas -sobre todo rurais- onde atenden unha media de 9.500 usuarias ao ano.

O curso estrutúrase en 3 xornadas virtuais e dúas presenciais. Estas últimas celebraranse nas delegacións territoriais da Xunta de Galicia de Pontevedra, Lugo e Ourense e na sede da Escola Galega de Administración Pública (Egap) en Santiago de Compostela.

Entre outros asuntos, impartiranse módulos acerca da información legal en materia LGTBI, análise de casos de discriminación, recursos existentes e protocolos de actuación e debate e propostas para a mellora na atención a estas persoas.

As persoas interesadas poden cursar a súa solicitude a través da web formacioncimgalicia.gal.

Compromiso por unha Galicia diversa

O Goberno autonómico está a traballar por unha Galicia diversa na que todas as persoas teñan garantidos os seus dereitos. Nesta liña, a comunidade está a reforzar o papel do Observatorio LGBTIQ+, para enfrontar os retos que esixe a loita contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero e combater cunha ferramenta eficaz o discurso do odio. Unha das novidades pasará por dotar de máis contido este órgano colexiado, que ten carácter consultivo e no que participan a Xunta, a Fegamp, as universidades públicas galegas, a Delegación do Goberno, organizacións sindicais e empresariais e representantes do tecido asociativo.

Galicia é referente por contar cun marco legal propio que consolida o principio de igualdade entre o colectivo LGTBI. Tamén conta co Foro de Identidades e Disidencias Sexuais promovido en colaboración co Consello Galego da Cultura que pon o foco na educación en igualdade.

A nova Lei da Igualdade (en tramitación parlamentaria) acabará de blindar o compromiso de Galicia coa tolerancia cero ante calquera discriminación por razón de sexo, xénero ou identidade sexual.

Data de actualización: 11/10/2023