A Xunta mantén aberto o prazo para que os concellos soliciten axudas para programas de inclusión social

Poderán enviarse solicitudes ata o vindeiro mércores 18 de outubro

A orde de Concellos para o período 2023-25 supera os 7,6 millóns de euros, un 22% máis que na anterior convocatoria
 

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2023

A Xunta mantén aberto ata o vindeiro mércores 18 de outubro o prazo para que os concellos galegos soliciten axudas para poñer en marcha programas de inclusión social. O Goberno galego pon á disposición das administracións locais máis de 7,6 millóns de euros para o período 2023-25, o que supón un incremento do 22% con respecto á anterior convocatoria (2021-23) que contaba cun orzamento de 6,2 millóns de euros.

Mediante estas partidas, os concellos e as mancomunidades poderán financiar actividades cos seguintes obxectivos: a adquisición de formación básica ou laboral adaptada ás necesidades dos destinatarios; a realización de actuacións de mediación intercultural ou de carácter residencial, así como para a materialización de programas de educación e apoio familiar.

No último exercicio unhas 60 entidades locais beneficiáronse desta liña de axudas, o que lles permitiu financiar máis de 200 proxectos. Nesta nova convocatoria o prazo para cumprimentar os programas subvencionados aumenta de 22 meses a dous anos, coa intención de que os proxectos ofertados teñan unha maior seguridade e estabilidade financeira.

O que non varía respecto á anterior convocatoria é a incorporación dun programa específico de prestacións para a atención das persoas sen fogar, unha problemática para a que a Xunta de Galicia dispón dun plan coa intención de axudar a este colectivo a superar a súa situación.

Data de actualización: 11/10/2023