A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou na clausura do 3º Encontro intersectorial do piñeiro de Galicia

Ángeles Vázquez salienta o labor do sector forestal para aumentar a resiliencia do medio rural e avanzar cara á neutralidade climática

Incide na importancia de incluír criterios relativos ao uso da madeira na Guía de contratación pública ecolóxica

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou hoxe o labor do sector forestal para aumentar a resiliencia do medio rural e avanzar cara á neutralidade climática.

Durante o acto de clausura do 3º Encontro intersectorial do piñeiro de Galicia, a conselleira puxo en valor que Galicia conta no proceso de loita contra o cambio climático con dous grandes aliados como son “os nosos bosques que actúan como sumidoiros naturais captando CO2 da atmosfera” e propia natureza a orografía da Comunidade que a converten nun territorio idóneo para apostar por un modelo enerxético baseado nas enerxías limpas.

E, a maiores, nese obxectivo de buscar solucións á problemática que supón o quecemento global, o Goberno galego presentou recentemente a Guía de contratación pública ecolóxica, que facilitará a introdución de compromisos ambientais nos contratos públicos autonómicos. De feito, a intención da Xunta é que se converta nunha ferramenta de referencia para a incorporación de consideracións ambientais nas distintas fases dos procedementos.

Cómpre lembrar que esta guía está concibida como un instrumento vivo e dinámico que se irá actualizando periodicamente coa introdución de novas cuestións. Nese senso, Ángeles Vázquez incidiu na importancia de incluír criterios relativos ao uso da madeira e, de feito, na actualidade xa se recollen aspectos relacionados co papel de oficina. Así, por exemplo, recoméndase que cando se trate de papel a base de fibra virxe, un mínimo do 20 % das súas fibras deberá contar con certificación FSC ou equivalente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2023