A Xunta salienta en Ferrol as oportunidades que ofrece a transformación dixital para impulsar iniciativas empresariais no rural

A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na primeira das xornadas sobre esta temática que percorrerán seis concellos das catro provincias para poñer en valor as posibilidades que ofrecen as contornas rurais de cara a consolidar e impulsar novas ideas de negocio

Destaca que a Consellería de Economía, Industria e Innovación ofrece apoios destinados a pemes e autónomos que atenden á dixitalización, apostan polo talento, facilitan o financiamento e impulsan a internacionalización

Ferrol, 10 de outubro de 2023 A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na primeira das xornadas “A dixitalización dos negocios no rural”. O evento celebrouse na sede da delegación da Xunta en Ferrol contando coa presencia da delegada autonómica Martina Aneiros e o presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas, e percorrerá durante as próximas semanas un total de seis concellos das catro provincias.

Na súa intervención, Covadonga Toca apostou por aproveitar as oportunidades que ofrece o transformación dixital na procura de promover e impulsar novas iniciativas no rural galego. “Desde a Xunta traballamos para que os nosos autónomos e pequenas empresas estean preparados para aproveitar as novas oportunidades, tanto para emprender novos negocios como para consolidar os seus proxectos. Por este motivo poñemos agora en marcha esta nova iniciativa, centrada na dixitalización dos negocios no rural”, subliñou a directora do Igape.

Este ciclo, expuxo Covadonga Toca, busca poñer en valor as oportunidades deste tipo de contornas “porque estamos convencidos de que da man do desenvolvemento tecnolóxico e da transformación dixital, o rural xa é unha oportunidade e temos que poñer ao dispor dos nosos autónomos e empresas todas as ferramentas ao noso alcance”.

Neste sentido, a directora do Igape sinalou que a Consellería de Economía, Industria e Innovación ofrece apoios destinados a pemes e autónomos que atenden á dixitalización, apostan polo talento, facilitan o financiamento e impulsan a internacionalización.

“Galicia é eminentemente rural, e a transformación dixital fai que calquera axuda ou servizo que poñamos ao dispor das nosas empresas nesta contorna global no que vivimos, se converta nunha oportunidade para os nosos autónomos e pequenas empresas que apostan polo rural”, defendeu Toca, quen sinalou que o papel das distintas administracións e organismos é “apoiar, acompañar e poñer á súa disposición as ferramentas necesarias para seguir avanzando neste camiño”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2023