Tras a reunión mantida na sede do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo

Rueda valora a “vontade do ministro de Industria de articular solucións” para que os fondos europeos para a planta de fibras sustentables de Altri cheguen con axilidade e en importe suficiente

Madrid, 10 de outubro de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valorou hoxe a “vontade de articular solucións” do ministro de Industria, Comercio e Turismo, Héctor Gómez, para garantir a viabilidade da planta de fibras téxtiles sustentables que a multinacional portuguesa Altri quere instalar en Palas de Rei. “Expuxéronse fórmulas e solucións viables”, recalcou o presidente, que trasladou que estas se concretarán nunha futura reunión a nivel técnico.

Durante a reunión que mantiveron ambos os dirixentes na sede do Ministerio, abordouse principalmente a situación do proxecto de Altri e a necesidade de que conte con financiamento de fondos europeos con axilidade e nun importe suficiente. Esta fábrica crearía 2500 postos de traballo, outros 10.000 para a súa construción e atraería un investimento total de 900 millóns de euros.

O presidente autonómico e o ministro abordaron tamén a situación da planta viguesa de Stellantis, unha fábrica “fundamental, non só para a zona na que está instalada senón para toda Galicia”. Rueda mostrouse esperanzado respecto da posibilidade de que o segundo Perte para o vehículo eléctrico e conectado atenda as necesidades da maior factoría de coches de España.

Rueda e Gómez coincidiron na necesidade de actualizar a planificación de infraestruturas eléctricas, coa finalidade de que ningunha industria deixe de expandirse ou de instalarse en Galicia por falta da capacidade de distribución e evacuación necesaria.

Por último, coincidiron na necesidade de autorización do parque eólico experimental que a Xunta, o Porto da Coruña e Rede Eléctrica Española expoñen en Punta Langosteira, e que servirá como banco de probas para unha forma de xeración eléctrica con potencial de crear en Galicia ata 10.000 postos de traballo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2023