Usuarios de Down Pontevedra realizan prácticas laborais remuneradas grazas ao apoio da Xunta

Esta iniciativa é posible grazas a unha Achega da Xunta de 20.000 euros

Pontevedra, 10 de outubro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Residencia de Maiores de Campolongo, onde varias persoas da asociación Down Pontevedra están a realizar unhas prácticas laborais remuneradas. 

En concreto son dúas as persoas que na actualidade se atopan traballando nesta residencia. Unha delas como camarero-limpador e a outra en recepción. Cando estas dúas persoas finalicen o seu período de prácticas incorporaranse dous novos traballadores. Isto é posible grazas a unha achega da Xunta de 20.000 euros por cada entidade membro de Down Galicia, o que fai un investimento total na integración laboral dos usuarios destas entidades de 140.000 euros.

Así, as prácticas constan dun total de 100 horas e un mes de vacación. Ademais, os traballadores non poderán ter xornadas laborais que superen as 3 horas diarias. Os participantes neste programa de inserción laboral contan cun técnico de apoio, un preparador laboral que instruirá á persoa para que aprenda a realizar as tarefas que lle son encomendadas.

O delegado territorial destacou a “importantísima labor de integración social que se realiza dende Down Pontevedra” e asegurou que “a Xunta seguirá apoiando iniciativas como esta que fan aos usuarios máis independentes e que teñen un impacto real nas súas vidas”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2023