Agustín Reguera visita Amencer-Aspace e destaca a importancia da colaboración entre a Xunta e esta asociación

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou a colaboración entre a asociación e a Xunta como algo imprescindible para manter o bo funcionamento de AMENCER-ASPACE
 

A Xunta contribuíu con preto de 600.000 euros nos centros de Vilagarcía e Pontevedra
 

Pontevedra, 10 de outubro de 2023 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións de Amencer-ASPACE, xunto á xefa territorial de Política Social, Ángeles Rouco, e ao xefe de servizo de dependencia da xefatura territorial de política social, José Ignacio Martínez.

Tras o recibimento por parte do presidente de Amencer-ASPACE, Carlos Godoy, Reguera comprobou de primeira man o excepcional traballo que se leva a cabo no centro, que diariamente atende a decenas de persoas con parálise cerebral. Durante a visita, os responsables do centro fixeron fincapé na gran importancia da colaboración coa Xunta de Galicia e mostráronse agradecidos pola axuda prestada ao longo dos anos.

Neste sentido, a Xunta ven de conceder no mes de febreiro unha axuda de dous millóns de euros ao centro Princesa Letizia de Amencer-Aspace en Vilagarcía de Arousa, para aumentar as súas prazas do centro de día e da atención residencial. Ademais, no 2022, os centros de Vilagarcía de Arousa e Pontevedra puideron financiar 43 prazas de atención, coidado e transporte de nenos con parálise cerebral y outros trastornos neuromotores, grazas a unha achega da Xunta de case 600.000 euros.

De cara aos pacientes que atenden, dende Amencer-ASPACE destacan a necesidade de ofrecer unha “atención temprana”, que na maioría dos casos é diferencial no avance e na autonomía das persoas con parálise cerebral. En total, a asociación atende a máis de 65 pacientes, dos cales preto de 50 reciben atención no local de Lourizán.

A primeira parada da visita foi na Rede Cidadanía Activa, unha iniciativa na que participan varios usuarios do centro e que ten como obxectivo fomentar a participación social das persoas con parálise cerebral como cidadáns de pleno dereito que deben ser consultados e tidas en conta. Neste sentido, a asociación Amencer-ASPACE fai un gran esforzo na concienciación social e no traballo directo cos usuarios deste centro para mellorar a súa independencia e autoestima.

Ademais, Reguera puido visitar o centro de día, que actualmente conta con 9 prazas públicas; a Sala Snoezelen, un espazo multisensorial con elementos interactivos deseñados para estimular os sentidos; o colexio de educación especial que conta con 13 alumnos; e o Centro de atención temprana e rehabilitación externa.

O delegado territorial quixo agradecer “o excelente traballo” de todos os que colaboran con esta asociación que “presta unha axuda tan importante a tantas familias”. Ademais, asegurou que “dende a Xunta somos conscientes de que a colaboración coas asociacións que traballan de primeira man cos pacientes é fundamental. Vos sodes os que coñecedes, mellor que ninguén, as necesidades das persoas con parálise cerebral e por iso seguiremos colaborando como vimos facendo ata agora”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2023