A Xunta duplica a capacidade da Unidade de Atención Psiquiátrica Infanto-Xuvenil con ingreso en Galicia

O conselleiro de Sanidade visita, no Día Mundial da Saúde Mental, a obra finalizada no Hospital Álvaro Cunqueiro, na que se investiron 1,3 millóns de euros

Antes de que remate o ano, entrará en funcionamento este novo espazo de 740 m2 para atender á infancia e á mocidade con problemas de saúde mental

Comesaña destaca o gran salto experimentado pola saúde mental galega nesta lexislatura, con incremento de recursos, prazas e servizos

Vigo, 10 de outubro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou hoxe, no Día Mundial da Saúde Mental, a nova Unidade de Hospitalización de Saúde Mental Infanto-Xuvenil do sur de Galicia, que, segundo dixo, “vai permitir duplicar a capacidade para atender á infancia e á mocidade con problemas de saúde mental cando necesiten ingreso”. Ata o de agora só había unha única unidade deste tipo para toda Galicia en Santiago, “e agora imos ter unha segunda en Vigo, que será referencia para todo o sur de Galicia, recibindo a pacientes de Pontevedra e Ourense”.

Tal e como destacou o conselleiro na súa visita, na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz; así como polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal; e polo xerente da área sanitaria, Javier Puente; “esta obra, iniciada no mes de marzo e xa rematada, conta cun investimento de 1,3 millóns de euros”. O conselleiro explicou que a Xunta está á espera só da instalación do mobiliario para incorporar de inmediato ao persoal e pacientes, “unha cuestión de semanas”, pero que, en todo caso, -dixo Comesaña-, “antes de rematar o ano teremos este espazo de 740 m2 en funcionamento e dando servizo”.

Importantes melloras

Na súa intervención no acto, o responsable da sanidade pública galega remarcou “o gran salto que vai supoñer a posta en marcha desta unidade para á atención á saúde mental na nosa comunidade”, cumprindo co previsto no Plan de Saúde Mental de Galicia, “que aprobamos en 2020 e que levamos desenvolvendo todo este tempo”.

Tamén destacou Comesaña outras medidas levadas a cabo polo Executivo galego no campo da saúde mental. Así, no que atinxe á atención á mocidade, ademais de duplicar estas prazas con ingreso, “a Xunta reforzou a atención sen ingreso con novos hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil”. Funcionan xa en Vigo, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Ferrol, “e antes de finais de ano estará en marcha na Coruña, e en 2024 completaremos Galicia co de Pontevedra”.

Nesta lexislatura, -proseguiu Comesaña-, “pasaremos polo tanto de 0 a 7 hospitais de día para desenvolver terapias intensivas e evitar ingresos de rapaces e rapazas con problemas de saúde mental”.

En materia de prevención do suicidio, o máximo responsable do Sergas dixo que Galicia deu outro gran salto nestes anos. Así, incidiu en que, “en 2020 tiñamos unha única unidade de prevención do suicidio na área de Ourense e, no 2023 temos xa sete, unha en cada área sanitaria, co seu respectivo novo persoal”. Ademais, neste ano, “Galicia será a primeira comunidade de España en implantar a metodoloxía YAM creada polo Instituto Karolinska de Suecia para previr o suicidio xuvenil, que estamos a poñer en marcha en colaboración con profesionais suecos e coa Consellería de Educación”, no marco dun protocolo de prevención aprobado o ano pasado.

Segundo detallou o titular da carteira sanitaria, todos estes programas poden saír adiante “porque a Xunta deu tamén un gran salto adiante en dotación de persoal”. Ao respecto, Comesaña subliñou que, cos orzamentos de 2024, “completaremos a creación de 240 novas prazas nos servizos de saúde mental do Sergas, que serán cubertas de xeito estable, porque o ano pasado aprobamos unha Lei que prioriza as prazas de saúde mental nas ofertas de emprego público sanitario, permitindo ofrecelas mediante concurso e sen oposición para axilizar e incentivar a súa cobertura”.

Igualmente, Comesaña puxo en valor que, para garantir a continuidade destes servizos, tamén nesta lexislatura “a Xunta aumentou en máis do 40% as prazas formativas para futuros especialistas en saúde mental”. 

Ademais dese reforzo dentro do sistema público, o máximo responsable do Sergas sinalou que o Plan de Saúde Mental “axudou, así mesmo, a potenciar a colaboración co tecido asociativo e coas entidades especializadas na saúde mental”. Deste xeito, nesta lexislatura, “aumentamos un 50% o orzamento para concertar con estas entidades prazas en centros de rehabilitación psicosocial e laboral, pisos protexidos ou unidades residenciais”; e pasouse de non ter unha convocatoria anual de axudas para programas das entidades sociais de saúde mental, “a que, a do presente ano, tivese unha contía de máis de 1,2 millóns de euros e beneficiase a máis de 60 programas”.

En consecuencia, -rematou o conselleiro-, “nesta lexislatura desenvolvemos un Plan pioneiro con 80 millóns de euros de dotación, que deu á volta ao panorama da saúde mental en Galicia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2023