Rafa Vilar gaña o XXI Premio de Poesía Afundación, co que colabora a Xunta

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salienta o papel do certame para reforzar a produción poética en galego durante os últimos 20 anos

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2023

O escritor Rafa Vilar fíxose esta tarde co XXI Premio de Poesía Afundación, promovido por Afundación, a Xunta de Galicia e o Centro PEN Galicia co fin de reforzar a produción poética en galego e contribuír ao enriquecemento da creación cultural galega actual.

No marco do fallo deste galardón, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, felicitou o gañador por pasar a formar parte “dun selecto grupo formado polos mellores nomes da poesía galega contemporánea como Ledicia Costas, galardoada na pasada edición, ou Yolanda Castaño, que acaba de ser recoñecida co Premio Nacional de Poesía 2023”. Neste senso, desexoulle a Rafa Vilar “máis éxitos no futuro porque isto sempre será unha boa nova para a nosa literatura e porque reflicte o bo momento que está a vivir o noso sector cultural”.

Rafa Vilar, nado en Cee no ano 1968, gañou coa obra Os lugares da memoria, escollida polo xurado entre as 34 propostas que se presentaron este ano e que dan mostra da boa acollida deste certame e de gran calidade literaria das novas xeracións galegas.

Desde 2002

O Premio de Poesía a Fundación, comezou o seu percorrido no ano 2002. Neste tempo resultaron gañadores os poetas galegos Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo, Miguel Sande, Oriana Méndez, Medos Romero e Ledicia Costas, gañadora da anterior convocatoria.

O galardón, que implica a publicación do libro na colección Arte de trobar e unha dotación económica de 6000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2023