A Xunta xestiona máis de 160.000 hectáreas de monte coa certificación forestal sostible de PEFC

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, reuniuse esta tarde coa directora xeral de PEFC España, Ana Belén Noriega

Este tipo de distintivos, cos que a Xunta mantén o seu compromiso, garanten unha xestión dos bosques que sexa respectuosa co medio ambiente
 

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2023

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, mantivo hoxe unha reunión co directora xeral de PEFC España, Ana Belén Noriega, máxima responsable da división española dun dos selos de certificación da xestión forestal sostible máis implantados a nivel mundial. Neste encontro abordaron os retos e obxectivos do sector forestal para este curso, facendo fincapé nas novidades en planificación, xestión forestal, certificación de servizos ecosistémicos, produtos forestais silvestres, non madeireiros ou pastos, e os retos de dixitalización, entre outros temas.

PEFC conta con máis de 286 millóns de hectáreas certificadas en 55 países, das que preto de 2,8 millóns están en España. Delas, en Galicia sitúanse case medio millón. A Xunta, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, xestiona 624 montes con certificado PEFC -maioritariamente montes veciñais en man común que teñen convenio co Goberno galego- e que suman unha superficie de máis de 160.000 hectáreas. Isto supón que preto do 40% dos terreos certificados en Galicia por PEFC están baixo xestión pública.

A primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara a neutralidade carbónica” establece no seu Eixo VI o obxectivo de acadar as 500.000 hectáreas certificadas no 2035, obxectivo que se está a piques de conseguir unha vez superada a cifra prevista para 2025 e 2030 por mor do importante incremento na ordenación de montes que, apoiada polas axudas da Xunta, vén producíndose nos últimos anos.

O Goberno autonómico mantén o seu compromiso con este tipo de certificacións, que garanten unha xestión dos bosques respectuosa co medio ambiente mentres cumpre outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais, polo que a superficie se incrementará nos próximos anos. Isto producirase porque o Goberno galego inclúe automaticamente no seu Sistema de Xestión Forestal Sostible os montes xestionados por el e que dispoñen dun instrumento de ordenación e xestión forestal.

Estes certificados supoñen un compromiso para non danar os bosques e para mellorar o seu estado. Ademais, a madeira e outros produtos obtidos nos espazos certificados garanten ao consumidor, a través do selo que figura neles, a súa sostibilidade.

Iniciativas deste tipo traballan a prol dos retos e oportunidades que se demandan no Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía. Nese contexto, preséntanse como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira, en sectores como a construción, o téxtil, o químico ou o de envasado, seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2023