A Xunta somete durante un mes a información pública o Plan de xestión da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, nos concellos de Laxe e Vimianzo

Poderase consultar e presentar achegas no portal de transparencia e na web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Este instrumento de planificación establecerá o réxime de usos e as actividades permisibles, así como as limitacións e medidas que se consideren necesarias para a conservación do espazo e a preservación dos hábitats e das especies
 

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia someterá ao procedemento de información pública o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de xestión da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, nos concellos de Laxe e Vimianzo.

Tal e como se recolle no anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, no prazo dun mes, contado a partir de mañá, martes, 10 de outubro, poderase consultar toda a documentación no portal de transparencia da Xunta e na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, co fin de que todas as persoas interesadas poidan enviar as súas alegacións ou suxestións preferentemente por correo electrónico ou a través dun escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Con este paso a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanza no seu obxectivo de que cada paisaxe protexida conte cun plan de xestión propio. Nesa liña, este instrumento de planificación establecerá o réxime de usos e as actividades permisibles, así como as limitacións e medidas que se consideren necesarias para a conservación do espazo e a preservación dos hábitats e das especies.

Cómpre lembrar que, segundo a Lei de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, as paisaxes protexidas son aqueles espazos que, polos seus valores naturais, estéticos e culturais, e de acordo co Convenio da paisaxe do Consello de Europa, son merecedoras dunha protección especial.

Así mesmo, a lexislación vixente tamén indica que nas paisaxes protexidas procurarase o mantemento das prácticas tradicionais que contribúan á preservación dos seus valores e recursos naturais e das relacións e dos procesos, tanto naturais como socioeconómicos, que contribuíron á súa formación e fan posible o seu mantemento.

Os penedos de Pasarela e Traba, declarados paisaxe protexida no ano 2008, son un conxunto de elevacións graníticas que ocupan unha superficie de aproximadamente 212 hectáreas. Máis alá do seu notable interese xeolóxico, estes penedos tamén destacan como elementos figurativos e culturais da paisaxe na que se localizan.

Data de actualización: 09/10/2023