A Xunta expón as vantaxes da Rede autonómica de polos de emprendemento a un grupo de estudantes de comercio internacional de Colombia

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe en Santiago de Compostela no relatorio Emprendemento e innovación no Camiño de Santiago organizado pola Universidade El Bosque de Bogotá

Puxo en valor o programa Galicia Camiño Emprendedor que combina accións de mentorización a emprendedores coa realización de tramos do Camiño de Santiago

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2023

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe en Santiago de Compostela no relatorio Emprendemento e innovación no Camiño de Santiago, no marco dunha iniciativa que está a levar a cabo a Universidade El Bosque de Bogotá (Colombia) en Galicia. En concreto, un grupo de alumnos do último ano de Comercio Internacional e Ciencias Económicas está a realizar unha viaxe de experiencia empresarial, que forma parte do módulo que están realizando sobre emprendemento.

Sobre este eido versou a charla que ofreceu o secretario xeral de Apoio ao Emprego, centrando a súa exposición na Rede de polos de emprendemento que ten en marcha a Xunta de Galicia desde hai máis dun ano e a través da que se está a prestar asesoramento especializado ás persoas emprendedoras en calquera fase na que se atope o seu proxecto empresarial. Os polos de emprendemento están dinamizando o territorio a través da creación de emprego de calidade e o asentamento da poboación: hai 10 en marcha e a previsión é rematar o ano con 15 en total.

“Queremos facer dos polos verdadeiros centros de dinamización dos territorios nos que se asentan, sobre todo no rural, converténdoos en auténticos foros de interlocución que permitan recoller as demandas da súa poboación e dar resposta desde a Administración coa colaboración do sector privado”, apuntou.

O secretario xeral de Apoio ao Emprego referiuse, ademais, ao programa Galicia Camiño Emprendedor co que un ano máis a Xunta de Galicia combina as accións de acompañamento a emprendedores coa realización de tramos do Camiño de Santiago.

O obxectivo da iniciativa consiste en apoiar profesionais autónomos e empresarios, acompañándoos na consolidación e mellora dos seus negocios. Tamén se trata de promover a sustentabilidade nas empresas da economía social e no traballo autónomo.

Outro dos beneficios desta acción consiste en facilitar a xeración de contactos profesionais entre os participantes, así como promocionar Galicia e o Camiño de Santiago como destino de ocio e actividade económica. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2023