O conselleiro do Medio Rural participou en Ribadavia na clausura dos Premios Bacelos de Prata, que recoñecen o labor das empresas que apostan polo idioma

A Xunta pon en valor o uso do galego na etiquetaxe de produtos alimentarios como sinónimo de excelencia e calidade

José González destacou a importancia do uso do galego no mundo empresarial, especialmente no agroalimentario pola súa proxección internacional

Felicitou aos galardoados, a Adega Tapias Mariñán e a comercializadora de marcas lácteas Leite Noso, como referentes de calidade

Sobre os sectores dos hoxe premiados, remarcou a excelente campaña da vendima, a máis alta da última década e próxima á máis alta da historia, e incidiu no compromiso do goberno autonómico coa gandaría de leite
 

Ribadavia (Ourense), 7 de outubro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, interveu esta mañá na clausura dos Premios Bacelos de Prata en Ribadavia, organizados pola Asociación Álvaro de las Casas, que recoñecen o labor das empresas que apostan polo galego na etiquetaxe dos seus produtos.

Durante a súa intervención, González sinalou a importancia do uso do galego no mundo empresarial, máis concretamente no sector agroalimentario, que conta cunha gran proxección internacional debido a eses atributos. Así, puxo en valor a inclusión de aspectos culturais como o idioma que, ademais de proxectar Galicia como sinónimo da produción de excelencia e calidade, consolídanos como un destino atractivo.

O titular de Medio Rural aproveitou a ocasión para felicitar aos galardoados. En primeiro lugar, deulle a noraboa á Adega Tapias Mariñán, adscrita a denominación de orixe Monterrei e gañadora de varios Acios de Ouro das Catas de Galicia. Neste sentido, explicou que se trata dunha “felicitación dobre” para a adega, xa que tanto no Ribeiro como en Monterrei as denominacións de orixe aumentaron a súa produción con respecto á última campaña.

Neste 2023, tal e como indicou o conselleiro, estase a rexistrar a campaña da vendima máis abondosa do decenio, aproximándose á mellor da historia -do ano 2011-. Seguindo esta liña, sinalou que a denominación de orixe Ribeiro superou os 11,5 millóns de quilos de uva recollidos e a DO Monterrei volve a medrar un ano máis, acadando os 6,8 millóns de quilos de uva recollidos.

De seguido, felicitou á outra empresa galardoada, a sociedade de gandeiros Leite Noso que, segundo explicou o conselleiro, é comercializadora de marcas lácteas de grande relevancia para a nosa comunidade. Así, quixo dar a noraboa a todos e cada un dos gandeiros e gandeiras que conforman esta sociedade, o que, como resaltou, “nos axudan a sobresaír en produción e en calidade”. Ademais, destacou a Estratexia de dinamización do sector lácteo como mostra do apoio e compromiso da Xunta con este sector.

Xa para finalizar a súa intervención, puxo o acento no feito de que estas dúas empresas puideran ver o potencial do rural galego e, o máis importante, as oportunidades de futuro que traen consigo.

 
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/10/2023