O Espazo Xove de Lalín amplía a súa oferta de obradoiros para a mocidade este outubro

A Consellería de Política Social e Xuventude impulsa novas actividades vinculadas á cultura urbana ou autocoidados neste centro da Xunta, que desde o pasado mes de xullo tamén abre as súas portas os sábados

Lalín (Pontevedra), 7 de outubro de 2023

O Espazo Xove de Lalín, que forma parte da rede dos 12 centros autonómicos dependentes da Xunta de Galicia, amplía as actividades para a mocidade neste mes de outubro con obradoiros de cultura urbana, de cociña, autocoidados e especiais Samaín ao longo deste mes de outubro.

Deste xeito, hoxe celébrase un taller de parkour de 17 a 20 horas. O venres 13 terá lugar un específico sobre repostería, mentres que o sábado 14, a adestradora Alba Iglesias impartirá un de autodefensa persoal ante agresións sexuais. De cara á última semana do mes, o mércores 25 será a quenda do de primeiros auxilios, o xoves 26 levarase a cabo un especial pola celebración do Samaín e o último sábado de outubro, a compañía lalinense +Qdanza impartirá un obradoiro sobre ritmos urbanos afrocaribeños.

Para inscribirse a calquera destes obradoiros, así como ás diferentes actividades que se programan ao longo do ano, pódese facer presencialmente, enviando un correo electrónico a espazoxovelalin.xuventude@xunta.gal ou chamando ao número de teléfono 886151267.

Cómpre lembrar que este Espazo Xove, así como ocorre nos do resto de Galicia, abre agora tamén as súas portas en sábado, co fin de adaptarse aos ritmos e estilo de vida dos mozos, que poden participar nas diferentes iniciativas ou ben simplemente achegarse ata o centro para estudar ou compartir tempo coas amizades.

Exposición XacobeAando

Así mesmo, no Espazo Xove de Lalín tamén se pode visitar a exposición do proxecto XacobeAndo, unha iniciativa que a Consellería de Política Social e Xuventude desenvolveu o ano pasado, e a través da cal preto de 80 mozos e mozas de 18 a 30 anos de idade procedentes de oito países desenvolveron numerosas actividades en distintos puntos das sete rutas principais do Camiño de Santiago.

A mostra, que contén material gráfico e audiovisual, pretende achegar a todos os públicos as vivencias das persoas voluntarias e visibilizar o gran impacto cultural e interxeracional que supuxo para elas participar neste programa financiado no marco do Corpo Europeo de Solidariedade (CES).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/10/2023