A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, asistiu hoxe á saída da actividade na praza do Obradoiro

A Xunta apoia o deporte como ferramenta para a inclusión nas XI Marchas Ciclistas Unificadas Special Olympics Galicia

O Executivo autonómico avoga por seguir reforzando o traballo conxunto coas entidades do ámbito da discapacidade

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2023

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, salientou hoxe a importancia que ten o deporte como ferramenta para favorecer a inclusión e mellorar a autonomía das persoas con discapacidade. Díxoo no acto de inauguración das XI Marchas Ciclistas Unificadas Special Olympics, que tivo lugar na praza do Obradoiro e que desde o venres ata mañá domingo tamén se celebran en Allariz (Ourense), Antas de Ulla (Lugo) e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Begoña Abeijón puxo en valor papel de Special Olympics Galicia en favor das persoas con discapacidade e as súas familias. Neste sentido, avogou por seguir reforzando a colaboración coas entidades que actúan neste ámbito, xa que son as que mellor coñecen as necesidades destas persoas ao estar os 365 días do ano traballando ao seu carón.

Así mesmo, a directora xeral garantiu a continuidade do compromiso do Goberno galego na atención integral ás persoas con discapacidade e destacou o importante investimento que se dedica este ano a esta materia: máis de 165 millóns de euros, o que supón un incremento do 16% con respecto ao destinado en 2022.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/10/2023