A aposta da Xunta pola sustentabilidade en Fitur 2023 e os trens turísticos de Galicia, recoñecidos entre as mellores iniciativas no ámbito internacional

O expositor no que o Goberno autonómico promoveu a Comunidade galega en xaneiro na 56ª edición da Feira Internacional de Turismo recibiu esta semana o premio outorgado pola organización e o Instituto de Turismo Responsable

Ademais, Turismo de Galicia recibiu en Viena o galardón especial do xurado nos Premios de Turismo Ferroviario pola iniciativa que promove cada ano para combinar viaxes con visitas a lugares especiais da xeografía galega

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2023 A aposta de Galicia pola sustentabilidade na Feira Internacional de Turismo Fitur 2023 e o programa de trens turísticos que desde fai anos impulsa a Xunta para promover as viaxes en tren e as visitas a lugares especiais da xeografía galega, veñen de ser recoñecidos esta semana con cadanseu premio pola súa contribución a un turismo máis sustentable e responsable.

Por unha banda, o expositor que a Xunta de Galicia levou o pasado mes de xaneiro á edición da Feira Internacional de Turismo Fitur 2023, recibiu en Madrid o premio a Stand Sustentable, un recoñecemento outorgado pola organización da feira en colaboración do Instituto de Turismo Responsable que premia o esforzo por facer que a súa presenza en Fitur estea aliñada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable de Nacións Unidas.

A proposta, coa que o Goberno autonómico trasladou a súa idea de sustentabilidade turística en destino ao expositor, foi valorada polo seu apoio ao emprendemento artesán e á recuperación de tradicións, ao contar cun obradoiro de ourives de prata e acibeche e promover a música e danza de raíz galega con actuacións musicais de Ascariz e Fran Sieira Compañía de Danza.

A organización de Fitur tivo en conta, ademais, a aposta de Galicia pola accesibilidade turística, neste caso por contar con intérpretes de linguaxe de signos, así como o servizo dunha informadora turística con dominio desta linguaxe.

Explorar Europa en tren

Turismo de Galicia tamén recibiu o premio especial do xurado en Viena como ganador dos Premios de Turismo Ferroviario da European Travel Comission e Eurorail, a entidade que representa a rede ferroviaria de Europa. Os premios recoñecen excelentes campañas de mercadotecnia que animan aos viaxeiros a explorar Europa en tren.

Este ano, recibíronse máis de 30 candidaturas de organizacións turísticas, axencias de mercadotecnia, operadores ferroviarios e outras entidades que operan en Europa. Os trens turísticos de Galicia foron seleccionados por un xurado de expertos, formado por destacados profesionais do turismo, do ferrocarril e do marketing europeo, que xulgaron a súa relevancia, desenvolvemento de produto centrado no ferrocarril, creatividade e impacto social e mediático.

O premio acadado vén sumarse ao de Mellor Produto de Turismo Activo Nacional recibido en 2015 durante a Feira Internacional do Turismo (Fitur), por ter potenciado o desenvolvemento e a comercialización da industria turística e proxectar un produto turístico de calidade. Son froito da colaboración con Renfe no ámbito xeral de Galicia, ao que se suma o Inorde no desenvolvemento do produto na provincia ourensá.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/10/2023