Ángeles Vázquez e o alcalde da Peroxa reúnense para abordar cuestións en materia de vivenda

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse recentemente co alcalde da Peroxa, Manuel Seoane, para avaliar cuestións en materia de vivenda.

Durante o encontro, logo de que o rexedor lle trasladara a necesidade de ampliar o parque de vivendas protexidas da localidade, a vicepresidenta segunda explicoulle a posibilidade de que, no caso de dispor ou adquirir algún inmoble susceptible de destinarse a uso residencial, podería obter financiamento ao abeiro do Fondo de cooperación para o apoio á financiación de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.

E, nesa liña, ao ter menos de 20.000 habitantes, podería optar a unha nova convocatoria das axudas para a rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal. Neste caso, as axudas poderán acadar ata o 95% do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 50.000 euros por vivenda rehabilitada.

Data de actualización: 08/10/2023