O avance na campaña de conservación e reforzo de firme na autoestrada autonómica A Coruña-Carballo fan necesarios cortes de tres ramais en horario nocturno a partir do domingo

Co fin de minimizar as afeccións ao tráfico e facilitar a mobilidade, as intervencións realizaranse na noite deste domingo ao luns, entre as 00,00 e as 06,00 horas; e na noite do luns ao martes, entre as 22,00 e as 06,00 horas

Durante a execución dos traballos habilitaranse as correspondentes alternativas de circulación, que estarán sinalizadas

Estas actuacións de rehabilitación estrutural do firme están enmarcadas na campaña de mellora que se leva a cabo de forma periódica nesta vía autonómica e na autoestrada do Val Miñor (AG-57) Vigo-Baiona, incluíndo o ramal a Nigrán (AG-57N)

En total, os traballos na autoestrada A Coruña-Carballo comprenden a mellora das características superficiais do firme en 64.900 m2 e estruturais en 29.667 m2

O orzamento das obras nestas dúas autoestradas de titularidade da Xunta é de 1,2 M€
 

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2023

O avance nos traballos da campaña de conservación e reforzo do firme na autoestrada autonómica A Coruña-Carballo (AG-55) fan necesario cortes en varios ramais en horario nocturno a partir do domingo, día 8.

Co obxectivo de minimizar o impacto no tráfico, todos os traballos se programaron en horario nocturno.

As intervencións comezaranse pola ligazón 29 Carballo este, ramal de saída, que permanecerá pechado na noite deste vindeiro domingo ao luns, entre as 00,00 e as 06,00 horas.

Seguindo a programación da obra, os traballos continuarán na noite do luns ao martes, entre as 22,00 e as 06,00 horas, na ligazón 22 A Laracha, o que fará necesario o corte de carril lento e ramal de saída; e na ligazón 17 Paiosaco, co corte de carril lento e ramal de saída, para actuar no ramal de saída crecente.

Durante estas dúas xornadas será preciso cortar estes ramais, para o que se habilitarán as correspondentes alternativas de circulación, que estarán sinalizadas.

Estas intervencións de rehabilitación estrutural do firme consisten no fresado e reposición con mesturas bituminosas en quente. A actuación execútase no ámbito da planificación da campaña de firmes do ano 2023 que a concesionaria realiza de xeito periódico nas dúas autoestradas autonómicas co obxectivo de optimizar os recursos dispoñibles e garantir a calidade, seguridade e durabilidade dos firmes.

Deste xeito, continúa o desenvolvemento dos traballos previstos na campaña, que tamén se están a realizar desde o pasado mes de xullo na autoestrada do Val Miñor (AG-57) Vigo-Baiona, co inicio a partir desta vindeira semana destes novos traballos na AG-55.

Campaña 2023

Nesta campaña estanse a realizar actuacións de mellora das características superficiais en 64.900 m2 na AG-55 e 181.225 m2 na autoestrada do Val Miñor (AG-57) Vigo-Baiona, incluíndo o ramal a Nigrán (AG-57N). 

Tamén están previstas actuacións de mellora estrutural en 29.667 m2 na AG 55 e 26.334 m2 na AG-57 incluíndo unha campaña de selado de gretas en 5.450 m lineais.

O orzamento estimado da campaña do ano 2023 suma nas dúas autoestradas autonómicas un total de 1,2 M€.

Data de actualización: 06/10/2023