Xunta e sindicatos asinan o I Plan de Igualdade da Administración Autonómica

Este Plan recolle un conxunto ordenado de medidas dirixidas a eliminar os obstáculos que dificulten ou impidan a igualdade efectiva entre homes e mulleres no ámbito da Administración galega

Durante o acto, tamén se asinou o ’Protocolo da Xunta de Galicia de actuación fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo’

Santiago de Compostela, 6 de outubro

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e os representantes dos sindicatos UXT, CC.OO. e CSIF asinaron esta mañá en Santiago o I Plan de Igualdade da Administración Autonómica. Durante o acto, tamén se asinou o ’Protocolo da Xunta de Galicia de actuación fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo’ coas catro organizacións sindicais (UXT, CC.OO., CSIF e CIG).

O I Plan de Igualdade da Administración Autonómica conta cun conxunto ordenado de medidas dirixidas a eliminar os obstáculos que dificulten ou impidan a igualdade efectiva de mulleres e homes no ámbito da Administración galega e ten unha vixencia de 4 anos desde a súa firma.

A elaboración deste Plan –liderada pola Dirección Xeral da Función Pública- partiu dunha diagnose da situación en materia de igualdade no seo da Administración, que se nutriu dos resultados dunha enquisa, voluntaria e anónima, realizada entre o persoal empregado público da Xunta de Galicia.

Neste marco, o plan conta cun protocolo de actuación fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo, así como cunha relación dos obxectivos a alcanzar coa aplicación das 74 medidas que contén o documento, estruturadas en oito eixes de actuación.

Estes eixes son o compromiso coa igualdade; o acceso ao emprego público e provisión de prazas; as condicións de traballo e promoción profesional; a saúde laboral e a prevención de riscos; retribucións; formación, información e sensibilización; tempo de traballo, corresponsabilidade e medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral; e atención a situacións de especial protección, como violencia de xénero ou discriminación por sexo ou orientación sexual. Ademais, recolle sistemas de seguimento e avaliación das medidas que se poñen en marcha.

Coa sinatura deste Plan de Igualade dáse cumprimento ao mandato do Parlamento de Galicia que, a resultas dunha Proposición non de lei presentada na Cámara, instou ao Goberno galego a poñer en marcha medidas encamiñadas a garantir os dereitos de conciliación do persoal da Administración pública, así como a promover a corresponsabilidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2023