O conselleiro do Mar participou na clausura do XXV Foro de recursos mariños e acuicultura das rías galegas

A Xunta ve no Foro ACUI unha plataforma de transferencia de coñecemento a prol da competitividade do sector de cultivos mariños

Alfonso Villares puxo de relevo o potencial desta actividade que en Galicia conta con preto de 2.600 empresas e máis de 5.600 traballadores e que no 2022 acadou a maior facturación dos últimos 14 anos con 256 millóns de euros
 

Tamén manifestou o apoio do Goberno galego para promover unha acuicultura viable e socialmente responsable e lembrou que no último exercicio subvencionou con case 3 millóns de euros distintos proxectos de investimentos produtivos neste eido, sendo o principal beneficiario o sector bateeiro

O Grove (Pontevedra), 5 de outubro de 2023  O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou hoxe no Grove a traxectoria do Foro de recursos mariños e acuicultura das rías galegas que leva 25 edicións difundindo coñecemento e analizando a realidade do sector de cultivos mariños a prol da súa sustentabilidade e competitividade. Nesta liña, puxo en valor a contribución deste evento á remuda xeracional no sector e a potencialo para atender a crecente demanda global de produtos do mar.

Así o sinalou durante a clausura deste evento onde aproveitou a ocasión para enxalzar o potencial da acuicultura en Galicia, unha das rexións líderes nesta actividade en Europa. De feito, engadiu que a comunidade conta con preto de 2.600 empresas e máis de 5.600 traballadores que o ano pasado acadaron a maior facturación dos últimos 14 anos con 256 millóns de euros.

Ademais o titular de Mar puxo de relevo o apoio da Xunta a este sector para promover unha acuicultura viable e socialmente responsable. Nesta liña, lembrou que no último exercicio o Goberno galego subvencionou con case 3 millóns de euros distintos proxectos de investimentos produtivos neste sector. O principal beneficiario destas achegas foi o sector bateeiro con preto do 90% do total.

Con estas axudas, engadiu, o sector pode mellorar os seus establecementos para incrementar a produción en cantidade e calidade, mellorando ademais as condicións de seguridade dos traballadores do mar, o seu rendemento global e a súa competitividade.

En canto á aposta do foro Acui pola remuda xeracional, Alfonso Villares puxo en valor o proxecto Miúdo ForoAcui: Innovación e Difusión dos Recursos do Mar e da Acuicultura, centrado nos máis cativos. Trátase dunha iniciativa, sinalou, que vén da man do Instituto de Investigacións Mariñas e da Universidade de Santiago de Compostela co obxectivo de contribuír a incrementar as habilidades sobre a saúde oceánica, os recursos do mar e a acuicultura entre os escolares e as competencias didácticas e pedagóxicas nos seus docentes.  

O Foro Acui

A maiores, o conselleiro agradeceu á Asociación Cultural do Foro dos recursos mariños e acuicultura das rías galegas a organización deste encontro e o recoñecemento realizado a entidades e persoas pola súa significativa colaboración con esta cita e por contribuír a que sexa unha realidade e conte cunha traxectoria de 25 anos. De feito, entre os homenaxeados está a Xunta, a través da Consellería do Mar.

Este evento naceu en 1998 co ánimo de ser un espazo de referencia para recoller a realidade e as perspectivas futuras da pesca, o marisqueo e a acuicultura en Galicia. Nesta edición abordáronse cuestións como a evolución dos cultivos mariños na comunidade, o traballo do Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago de Compostela ou a situación das empresas do sector. Para iso reuniu durante dous días a investigadores, emprendedores, estudantes e técnicos das administracións públicas e incluíu distintas mesas de traballo co obxectivo de impulsar o debate e a interacción entre participantes e asistentes.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 06/10/2023