A Xunta aposta por unha transformación integral da minería a través da busca de novas solucións innovadoras

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participaron esta mañá en Santiago de Compostela na xornada de presentación da Consulta Preliminar ao Mercado do proxecto SmartminTech

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2023

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participaron na xornada de presentación da Consulta Preliminar ao Mercado do proxecto SmartminTech. Deste xeito, a Administración galega volve apostar pola Compra Pública de Innovación (CPI) para, neste caso, impulsar a transformación integral da minería a través da busca de novas solucións innovadoras.

Tal e como expuxo o director xeral, a Xunta está comprometida co impulso deste sector promovendo unha minería sustentable. Neste obxectivo, súmase esta nova ferramenta que permitirá recoller dos propios axentes desta industria propostas, ideas e solucións que dean resposta aos retos da minería, ofrecendo servizos máis eficientes a través da innovación.

Así, Fernández Vila explicou que, a través desta iniciativa, que admitirá propostas ata o día 20 de outubro, preténdese alcanzar a vangarda da tecnoloxía aplicada á modernización da administración mineira galega a través da colaboración público-privada. O principal reto será desenvolver solucións innovadoras relacionadas coa economía circular e a integración ambiental que garantan un futuro sustentable para esta industria.

Pola súa banda, a directora de Gain incidiu en que promover a Compra Pública de Innovación xera oportunidades para as empresas e centros de coñecemento e informou de que se trata do primeiro proxecto no ámbito da CPI en España vinculado ao sector da minería, o que volve facer de Galicia un referente no uso deste instrumento. Argerey lembrou que a aposta do Goberno pola CPI, iniciado en 2007, xa permitiu impulsar proxectos por un importe superior aos 250 M€ que se suman aos 70 M€ que están actualmente en desenvolvemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2023