A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, clausurou o IV Simposio nacional sobre boas prácticas na contratación pública

A Xunta lidera o incremento das licitacións en Galicia en 2023, con contratos ata agosto por importe de case 323 M€, un 20,8% máis que o ano anterior

Vázquez Mourelle detalla que nos oito primeiros meses do ano se licitaron obras por máis de 1.100 M€, dos que case 323 M€ se corresponden con obras públicas contratadas pola Xunta

Destaca que a Xunta tamén está a xestionar con éxito os fondos europeos de reconstrución, licitando o 100% nos prazos exixidos polo Ministerio de Transportes

Sinala que a Xunta xa dispón de proxectos de actuacións financiables con fondos ‘Next Generation’, polo que o mércores se solicitou ao Ministerio a redistribución dos fondos que non ten comprometidos

Refírese a novos retos como a dixitalización, materia a que só a Axencia Galega de Infraestruturas reserva 9M€ ata 2027

Destaca a necesidade de manter o diálogo entre a Xunta e o sector da enxeñería para atraer novos profesionais e responder mellor ás exixencias deste momento de expansión dos investimentos públicos
 

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2023

A Xunta lidera o incremento das licitacións en Galicia neste ano 2023, con contratos ata o mes de agosto por importe de case 323 M€, o que representa un incremento do 20,8% con respecto ao mesmo período do ano anterior.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, clausurou o IV Simposio nacional sobre boas prácticas na contratación pública, organizado por AGEINCO, a Asociación Clúster de Empresas de Enxeñaría, Consultoría e Servizos Tecnolóxicos de Galicia, e pola federación empresarial CIES, Coñecemento e Enxeñería de España.

Vázquez Mourelle concretou que nos oito primeiros meses do ano, entre xaneiro e agosto, se licitaron obras na comunidade por valor de máis de 1.100 M€, segundo recolle o Informe de Licitación en Galicia da Federación Galega da Construción.

Detallou que dese volume licitado, case 323 M€ se corresponden con obras públicas contratadas pola Xunta.

Destacou que a Xunta tamén está a xestionar con éxito os fondos europeos de reconstrución, licitando o 100% nos prazos exixidos polo Ministerio de Transportes e prevendo contratar tamén a totalidade dos fondos que teñen como prazo o 31 de decembro deste ano.

Explicou que o Goberno galego xa dispón de proxectos de actuacións que serían financiables con fondos ‘Next Generation’, polo que este mércores se solicitou ao Ministerio a redistribución daqueles fondos que non ten comprometidos.

Sinalou que estes fondos se destinarán a proxectos en materia de estradas, mobilidade sostible ou outros como aparcadoiros seguros para o transporte de mercadorías, asegurando así o cumprimento de fitos que marca a Unión Europea.

Subliñou que se abren agora novos horizontes que representan un reto para todos, como as novas tecnoloxías e a dixitalización das administracións, un camiño que cómpre aproveitar.

Neste sentido, apuntou que só na Axencia Galega de Infraestruturas, que é o órgano por excelencia de contratación de obra pública autonómica, resérvanse 9 M€ ata 2027 para procesos de dixitalización.

O Executivo autonómico tamén está a traballar para facilitar a mellor información para redactar os proxectos, buscando dispor de bases de prezos para edificación e obra civil e habilitando novas ferramentas como o xemelgo dixital das estradas autonómicas.

A conselleira tamén lembrou as melloras realizadas para axustar mellor os nosos contratos á realidade dos prezos do voso sector, atender as demandas relacionadas cos prazos de execución ou optimizar os criterios de valoración dos proxectos.

Fixo fincapé na necesidade de dispoñer de profesionais para dar saída a todos os proxectos que se aveciñan, xa que nos próximos dez anos, España precisará incorporar polo menos 200.000 novos enxeñeiros, como recordan os datos do Observatorio da Enxeñería de España.

Concluíu que todos estes retos fan necesario o mantemento da colaboración e o diálogo entre a Xunta e o sector da enxeñería, consultoría e servizos para lograr atraer novos profesionais e responder mellor ás exixencias deste momento de expansión dos investimentos públicos.

 
 
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2023