A Xunta rende homenaxe ás mulleres do Seminario de Estudos Galegos no centenario da súa fundación cunha mostra con fondos da biblioteca de Galicia

A exposición ‘As mulleres do Seminario de Estudos Galegos’ fai fincapé nas socias, protectoras ou usuarias da biblioteca desta institución

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destaca que “son mulleres que abriron camiños a novas xeracións, entrando en espazos reservados aos homes”

Expóñense publicacións das propias protagonistas, obras doutros autores ou artigos de prensa, conservados na Cidade da Cultura

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2023

A Xunta inaugurou hoxe na Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura a mostra bibliográfica As mulleres do Seminario de Estudos Galegos coa que rende homenaxe á institución no centenario do seu nacemento, desta vez dende outra perspectiva. A exposición céntrase nas mulleres que tiveron algún tipo de relación co Seminario, ben como socias activas, ben como protectoras ou usuarias da súa biblioteca.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou durante o acto de inauguración que as mulleres que protagonizan esta mostra “ademais de conformar unha elite intelectual con grandes inquedanzas sobre Galicia, coma o resto de compoñentes do Seminario, entraron en espazos reservados ata o momento só a homes, polo que abriron camiños a posteriores xeracións”.

Anxo M. Lorenzo estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro, Cristina Rubal; a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; e a comisaria da exposición, Carina Fernández Faya.

A través de publicacións que estas mulleres presentaron no Seminario, outras publicacións delas posteriores á súa relación coa institución, varias obras doutros autores e escritos de prensa que falan sobre elas, a mostra convida a coñecer mellor o seu labor e as súas vidas.

Humanidades e ciencia

Moitas das protagonistas desta exposición foron persoas senlleiras que levaron unha vida de marcada proxección social como Pura Lorenzana, Sara Leirós, Luisa Cuesta ou Carmen Pardo Losada. Foron mulleres que buscaban desenvolver as súas capacidades por medio dunha carreira profesional e fixérono en diversos eidos como as humanidades ou as ciencias. Xeralmente acaparaban as mellores cualificacións e moitos premios académicos, conseguindo algunhas delas premios profesionais ás súas carreiras.

Entre os libros que se exhiben na mostra atópanse varias publicacións de Luisa Cuesta, que chegou ser directora da Biblioteca Nacional de España e activa colaboradora do Seminario de Estudos Galegos mentres residiu en Galicia. Publicou catálogos sobre a historia da imprenta e mesmo sobre a historia da Universidade de Santiago.

Entre as mulleres próximas ao Seminario tamén ten unha produción importante Sara Leirós, centrada en temática espiritual e pedagóxica. Entre estas persoas destacadas hai, ademais, varias científicas como Celsa Pérez Moreiras, unha das primeiras mulleres docentes de Ciencias na Universidade de Santiago, na facultade de Farmacia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2023